+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba destinar cento cincuenta mil euros a 16 cooperativas agrogandeiras da provincia


Carmela Silva sinalou que, xunto cos convenios asinados con anterioridade, a institución provincial leva investido este ano 250.000 € a esta área, cumprindo co compromiso adquirido pola Deputación cos sectores produtivos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación de axudas por valor de 150.000 € a 16 cooperativas agrogandeiras da provincia, entre as que como novidade, este ano, atópanse por primeira vez tres pequenas cooperativas de produción ecolóxica: Ullama, da Estrada; A Meixoeira, de Moaña, e Nutre en Bio, de Salvaterra do Miño, segundo explicou a presidenta. Ademais, Carmela Silva lembrou que o goberno provincial leva asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 € e que, polo tanto, “estamos falando de 250.00 € para o sector agrogandeiro, cumprindo así co noso compromiso cos sectores produtivos da provincia”.

Segundo explicou Carmela Silva, grazas a esta liña de investimentos, as 16 cooperativas agrogandeiras poderán investir en obras, maquinaria agrícola, comercialización valorización, adquisición de fincas, enerxías renovables, uso de novas tecnoloxías ou equipamentos para as cooperativas.

As axudas, que oscilan entre os 600 e os 35.000 €, están destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrícolas e gandeiros promovendo así a comercialización e valorización dos produtos, a formación técnica para o desenvolvemento das súas actividades, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético e os investimentos para mellorar os seus servizos.

En concreto, a Cooperativa Ganadera De Dozón recibirá 3.008 €, a Cooperativa Agrícola De Forcarei 16.197 €, Horsal de Cambados 16.197 €, Campodeza de Lalín 14.345 €, Cobideza de Lalín 13.883 €, a Cooperativa Gandeira De Botos de Lalín 8.561 € Cooperativa Gandeiros Do Deza de Lalín 10.412 €, Valle Del Deza de Lalín 6.247 €, Xuncoga de Lalín 12.726 €, Sat N 4035 de Ribadumia 2.313 €, a Cooperativa del Campo O Rodo de Rodeiro 15.040 € e Porta Rio Miño do Rosal 10.412 €. A comarca do Deza é a máis beneficiada cun total de 84.222 € de axudas.

Por outra banda, as tres pequenas cooperativas ecolóxicas adxudicatarias nesta liña de axudas recibirán un total de 14.868,91 €, que se repartirán deste xeito: Ullama, de A Estrada, recibirá 986,91 €; Nutre En Bio, de Salvaterra, 4.627 €, e A Meixoeira, de Moaña, 9.255,00 €.

A Deputación de Pontevedra ten asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 €. As adxudicatarias destas axudas son Unión Leiteira Galega, cunha subvención de 36.000 euros para a formación para a produción de leite ecolóxica; ADF Maceiras de Tabeirós, con 31.500 para produción mazá ecolóxica, e ADF Amigos do Salnés, con 30,350 € para a dinamización do sector hortícola. Polo tanto, estamos a falar de máis de 250.000 € de investimentos no sector agrogandeiro da provincia.

Deja un comentario