+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

O Concello mellora a dotación de marquesiñas nas paradas do transporte escolar


Instalaranse 10 estruturas novas adquiridas cun investimento de 30.000 euros

O Concello de Vilagarcía, a través da Concellería de Obras, mellorará a dotación de marquesiñas das paradas de autobús do municipio, pero especialmente as do transporte escolar. Para elo adquiríronse 10 estruturas novas e tamén se arranxarán as existentes que presenten deficiencias ou teñan elementos rotos.

A actuación máis importante será a que atane ao transporte escolar, xa que as 10 marquesiñas adquiridas destinaranse ás paradas onde os alumnos collen os autobuses para ir á clase. Antes de que finalice o ano dotaranse destes elementos de protección ás paradas de Guillán, Carballido (Cea) e ás dúas de Faxilde. Posteriormente se instalarán as restantes marquesiñas nas paradas do transporte escolar de Rubiáns (á altura de Baygar), Solobeira, no IES Armando Cotarelo, Renza, Os Martices (Cea) e na Laxe.

Para instalar a estrutura nos Martices, o Concello fixo xestións coa propiedade de Larsa que cedeu temporalmente os terreos nos que colocar a marquesiña sen necesidade de ocupar a beirarrúa. En todos os casos, instalaranse marquesiñas en lugares que carecían deste elemento de protección, coa única salvidade da Laxe, onde e se substituirá a existente, que se atopa en moi mal estado, por unha nova.

A adquisición das 10 marquesiñas financiouse a través do plan de Investimentos dos presupostos Municipais de 2014 e supuxo un gasto de preto de 30.000 euros. Con esta actuación respóndese a unha demanda realizada pola comunidade educativa do municipio. Ademais de aportar comodidade aos usuarios do transporte escolar, que xa non se verán obrigados a esperar o autobús á intemperie cando chove, as marquesiñas tamén aportan seguridade. A única parada que coincide coa liñas regulares do transporte urbano é a de Renza.

Acristaladas e con cuberta de inox

As dez marquesiñas novas son do mesmo modelo. Contan con laterais e parte posterior acristalada e cubertas de inox. Ademais, están dotadas de asentos.

No marco desta mellora das marquesiñas do municpio, o Servizo de Obras tamén ten previsto facer unha posta a punto das estruturas existentes, reparando as que teñan algún elemento roto ou presenten peor imaxe.

Deja un comentario