+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A mellora da estrada de San Vicente do Grove, máis preto


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Deputación aprobou hoxe o convenio polo que a institución provincial asumirá o 80% dun investimento total de 542.261,73 euros

A mellora da estrada provincial EP-9106 de San Vicente de O Grove está cada vez máis preto de ser unha realidade. A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o convenio que permitirá executar un dos proxectos máis ambiciosos do Plan de Actuacións 2017-1018 do departamento de Mobilidade provincial para a comarca do Salnés, e que terá un investimento de 542.261,73 euros. Segundo indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a institución provincial asumirá o 80% do custe da actuación, e o Concello de O Grove o 20% restante.

Nestes momentos xa está finalizado o proxecto, solicitado o informe a Patrimonio e conseguidas as cesións necesarias para ampliación da plataforma do vial en algúns treitos. Os seguintes pasos serán a sinatura do convenio por parte de representantes das institucións provincial e municipal e a autorización do departamento da Xunta. A intención é poder comezar as obras despois do verán e, de non ter entón aínda o informe autonómico, buscarase a fórmula para poder iniciar os traballos nas áreas nas que non haxa elementos catalogados patrimonialmente.
Segundo explicou o deputado Benítez, a Deputación de Pontevedra “está concienciada sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincial, facendo especial fincapé nos tramos que transcorren por espacios urbáns ou núcleos rurais “. Por ese motivo, o organismo provincial quere levar a cabo intervencións no seu propio viario e está a facer una replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade, con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. O obxectivo é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público.
Tendo en conta eses parámetros, o organismo provincial valorou a situación da estrada EP- 9106 que vai dende a Praia Carreiro polos núcleos rurais de Outeiro e San Vicente Igrexa (onde se ubica a igrexa parroquial, a casa reitoral e o cemiterio). Esta infraestrutura viaria tamén serve de acceso á praia de Area Grande e á praia de Carreiro, nun entorno de grande beleza natural e paisaxísitica, polo que asume un importante tránsito peonil. “A presenza da estrada provincial e o tránsito de vehículos coas actuais características, atravesando o núcleo, dificulta a mobilidade en condicións de seguridade en especial dos peóns e persoas en bicicleta”, recoñece o deputado, para reiterar que a intención das obras é acadar un espazo público de seguridade para as distintas mobilidades (peonil, ciclista e a motor).
Senda peonil e espazos de convivencia
Tendo en conta que a estrada de San Vicente ten un largo de apenas cinco metros, insuficientes para albergar un itinerario peonil seguro ao largo de toda actuación, o proxecto creará de forma diferenciada espazos reservados a peóns e ciclistas mediante unha senda e espazos de convivencia, empregando criterios de seguridade e mobilidade sostible nun treito de 900 metros aproximadamente.
A senda peonil e ciclista terá 2,5 metros de largo (salvo estreitamentos puntuais de 1,80 metros, nos que se cumpre a accesibilidade) e discorrerá pola marxe dereita entre os puntos PQ 0+020 e PQ-0+123, así como entre o PQ 0+515 e PQ 0+877. Transcorrerá ao mesmo nivel que o carril de circulación e executarase un pavimento de formigón diferente á cor escura do aglomerado da calzada.
Dado que no ámbito do proxecto se atravesa un núcleo tradicional histórico con edificacións moi próximas á estrada, a senda prevista non se poderá prolongar nesa área. Nesta zona plantéxase como solución a creación de zonas de convivencia entre peóns, ciclistas e vehículos, sempre con prioridade para as persoas. Para conseguilo, é preciso fomentar unha diminución da velocidade –con redutores físicos de velocidade e sinalización vertical e horizontal- e unha diferencia moi marcada do pavimento utilizado con respecto ás estradas tradicionais. Así, en lugar de aglomerado, a estrada será de formigón na súa totalidade.
Por outra parte, haberá tamén un pequeno treito de beirarrúas na zona do cruce (16 metros), onde se ampliarán dos 1,5 metros actuais ata un mínimo de 2,5 metros. Alí tamén se instalará un paso de peóns elevado, que conseguirá calmar o tráfico nas proximidades da intersección, e con iso, aumentará a seguridade dos usuarios.
A obra comprenderá tamén a mellora da rede de drenaxe, retranqueo de muros de peches, sinalización, mobiliario urbano e recuperación do contorno da Igrexa de San Vicente, situada ao borde da estrada. Alí instalaranse novos pavimentos –de adoquín e pedra- que estarán delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil, así como o drenaxe e iluminación do cruceiro. Tamén se inclúen partidas de xardinería e proxéctase a plantación de tres cipreses.
“Dende a Deputación axilizamos este proxecto porque hai un problema manifesto de seguranza viaria que aumenta durante a tempada de verán, cando a poboación aumenta polo turismo de forma significativa. A solución que adoptamos para mellorar a estrada escapa totalmente do carácter urbano que suporía a instalación de beirarrúas, xa que temos que adaptarnos á realidade da sección da vía que hai no núcleo, e dar a prioridade ás persoas”, explicou Benítez.
O orzamento total da actuación é de 542.261, 73 euros, dos que o 80% sairán das arcas provinciais do departamento de Mobilidade, e o 20% do Concello, dos fondos da Deputación destinados ao Plan Concellos de 2017 e 2018. Unha vez rematada a obra este treito de estrada será transferida dende a Deputación ao Concello, que se fará cargo do seu mantemento.
Esta actuación, denominada oficialmente ‘Actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-9106 dende a EP-9101 ata a Igrexa de San Vicente’, está incluída na Estratexia de Mobilidade 3.0 que o pasado mércores se presentou oficialmente na Deputación para a mellora de 29 estradas na provincia de Pontevedra por un montante global de 22 millóns de euros. Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse o convenio para este proxecto en O Grove, ao igual que tamén os de outras catro actuacións para Baiona, Tomiño, Mos e Tui.

Deja un comentario