+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Os dous exalumnos da Escola de Cantería xa comezaron a traballar nas obras de restauración do Capitolio de Washington


Carmela Silva lembrou que se trata dun dos principais atractivos turísticos de EE.UU. e subliñou que “agora a provincia de Pontevedra estará así presente nunha das maiores iconas do mundo”

Manuel Rial e Francisco Castro Freijo, os dous exalumnos da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra que foron contratados para a restauración do edificio do Capitolio estadounidense, xa comezaron os traballos que están a desenvolver na capital do país, a cidade de Washington D.C. Os dous canteiros, que chegaron á cidade a comezos deste mes, contan cada un cun axudante e amosáronse “encantados” coas tarefas que están a realizar neste emblemático edificio onde se atopan as dúas cámaras do Congreso do país norteamericano.

A Presidenta provincial, Carmela Silva, amosou unha vez máis “o enorme orgullo que supón para a Escola de Cantería e para todas as persoas que formamos parte da Deputación de Pontevedra” o feito de que “dous dos artistas da pedra que se formaron na nosa Escola estean a traballar na restauración dun edificio histórico, un dos principais atractivos turísticos de todos os Estados Unidos que é sen dúbida unha das primeiras imaxes que se nos veñen á mente cando pensamos en toda a cultura que arrodea a política estadounidense e unha das maiores xoias da arquitectura neoclásica deste país”.

A Presidenta provincial lembrou que “ademais de ser unha mostra da calidade da formación que recibe o alumnado da Escola de Cantería, tamén é unha ocasión para poñer de manifesto a importancia que ten a pedra na cultura da nosa provincia e de que todas as pontevedresas e pontevedreses, representados nestes dous profesionais, formemos parte, aínda que sexa indirectamente, dunha das iconas políticas e audiovisuais máis importantes da historia”.

As obras de restauración do Capitolio, nas que van participar Rial e Castro Freijo de aquí aos vindeiros tres anos, inclúen a restauración da ornamentación de pezas de mármore, pedra caliza e granito do Capitolio e das construcións da contorna. Manuel Rial, ademais de alumno, tamén foi docente na Escola de Cantería e realizou obras icónicas como o porco de bronce de Lalín ou a restauración do rosetón das ruínas de Santo Domingo. Pola súa banda, Francisco Castro participou en obras como as de restauración de varios cruceiros do conxunto histórico de Combarro, en Poio. Con estes traballos no Capitolio, sinalou Carmela Silva, “elevan uns currículos que xa amosaban dabondo o seu altísimo nivel e estou segura de que lles abrirá moitísimas portas a nivel internacional”.

Ademais, antigo alumnado da Escola de Cantería da institución provincial forma parte hoxe dos equipos de restauración doutros emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, en Barcelona e a Catedral de Santiago de Compostela, o que evidencia unha vez máis a calidade da Escola á que Carmela Silva non dubidou en cualificar como “a mellor do mundo”.

Deja un comentario