+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

Moción do grupo de goberno para solicitarlle a consellería de sanidade a construción do CAR


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A construción dun Centro de Alta Resolución (en adiante CAR) sanitario é unha das máis importantes demandas do Concello de Lalín e da súa cidadanía para a mellora da Sanidade Pública na nosa vila. A falta de investimentos públicos na Sanidade Pública é palpable, pois Lalín conserva o mesmo ambulatorio que foi construído nos anos 70 do pasado século con pequenas ampliacións realizadas ao longo dos anos para a súa adaptación aos novos requirimentos sanitarios e tecnolóxicos.

No ano 2006 o Goberno Local do PP encargou un estudio que avogaba pola construción dun Hospital Comarcal en Lalín que mesmo pretendía incluír a Concellos de diferentes áreas sanitarias e de ata 3 provincias para a súa xustificación. Sen dúbida aquel intento foi un fiasco, pois ningunha administración sanitaria seria tivo en conta aquela proposta.

Posteriormente, en 2007, introduciuse no debate, a raíz das propostas da propia Consellería de Sanidade, a posibilidade de construción do denominado CAR, que como se explicaba daquela era unha infraestrutura dotada de consultas especializadas de acto único, de diferentes especialidades e con maiores posibilidades de diagnóstico en Radioloxía e outros que as que se tiñan e teñen actualmente no C.S. de Lalín. Aquela proposta do CAR foi descualificada polo propio Goberno Municipal que seguía coa intención de facer o CAR.

Posteriormente, en 2009, o Goberno Municipal do PP ante a solicitude dunha parcela dun mínimo de 3.000 m2 para a construción do CAR, ofertaba unha parcela situada tras do Ambulatorio considerada insuficiente pola Consellería de Sanidade, mentres a daquela oposición (PSOE e BNG) solicitaban que se puxeran a disposición da Consellería os terreos situados no Alto de Vales, xa previstos como dotacionais de uso sanitario no propio planeamento, iniciativa que o Goberno Local rexeitou adiando a posibilidade de construción do CAR.

Co cambio de Goberno na Xunta, e xa sen reticencias políticas por aceptar o CAR por parte do Goberno Municipal do PP, en 2010 anuncian a integración do CAR co PAC e o Centro de Saúde e que o emprazamento previsto pasaría a ser o Alto de Vales e incluso se aludía a un orzamento de 12 millóns de euros para a súa construción.

Coa intención da construción do CAR no Alto de Vales, e ante a necesidade de iniciar os trámites para a consecución dos solares necesarios, o Concello de Lalín asina en 2011 un Convenio de Colaboración co Servizo Galego de Saúde para a futura construción do CAR e, posteriormente, 3 meses antes das elección locais de 2015, asínase un Protocolo de Cooperación entre a Consellería de Sanidade, SERGAS e Concello de Lalín para un estudo de viabilidade do CAR que nunca se chegou a materializar en ningún dos seus apartados.

Para a consecución dos predios o Concello de Lalín puxo en marcha un proceso expropiatorio con importantes custes en adquisición de terreos, tanto en metálico como vía convenios, que foron sufragados integramente por esta administración local co conseguinte custe /oportunidade para o Concello, que optou por eses terreos antes que por outras infraestruturas veciñais confiando no compromiso da Xunta de Galicia.

Tras múltiples mocións unánimes a favor do cumprimento dos acordos coa Xunta para a construción do CAR , despois de enganos reiterados por parte da Consellería de Sanidade, e mesmo polo seu conselleiro actual Jesús Vázquez Almuíña, que incumpriu todos os acordos aos que chegara co Alcalde de Lalín, recentemente ante unha pregunta parlamentaria do Grupo do BNG respondida polo Xerente do SERGAS, a cidadanía e o Concello de Lalín foi coñecedora das nulas intencións da Xunta de Galicia gobernada polo PP en levar adiante os compromisos cos lalinenses optando por non construír o CAR e demostrando a inexistencia dun proxecto real para a atención sanitaria de Lalín e a súa comarca.

Ante a situación de manifestos enganos reiterados por parte da Xunta de Galicia, o incumprimento dos acordos asinados entre ambas administración e o nulo respecto institucional mostrado o Grupo de Goberno solicita a adopción dos seguintes ACORDOS:

ACORDOS

1. Esixir ao Goberno da Xunta o cumprimento dos acordos asinados para a construción inmediata e indubitada dun Centro de Alta Resolución que inclúa PAC e Centro de Saúde.

2. Reclamar unha reunión co conselleiro de Sanidade e, no seu defecto, co Presidente da Xunta de Galicia.

3. Esixir á Consellería de Sanidade que desminta as afirmacións do actual xerente do Sergas e nomee un representante autorizado para a negociación da execución dos acordos entre Concello e Xunta de Galicia.

4. Instar ao Pleno da Corporación municipal a que exprese taxativamente a súa protesta formal pola declaración de non prioritario do CAR e pola declaración de que se está valorando cambialo por un servizo de teleasistencia.

Deja un comentario