+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

Reinician a construción do enlace de Calvelo na N-541 só unha semana despois de acadar a última finca


A obra, cifrada en 700.000 euros, permitirá o acceso directo ás casas sen ter que ir a Tenorio e inclúe un aparcadoiro e unha parada de buses

O Ministerio de Fomento vén de reiniciar a construción do enlace de Calvelo, na parroquia cotobadesa de Tenorio, xusto unha semana despois de que se acadara a última finca afectada coa sinatura das actas previas á expropiación por parte do seu propietario. Cómpre apuntar que o proxecto tivo que frearse por un problema na consecución deste predio e que, coa tramitación habitual, adiaríase durante meses, pero o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, conseguíu axilizar este acto administrativo negociando co departamento estatal e o mesmo tivo lugar hai xusto sete días no consistorio.

Esta actuación, enmarcada no proxecto de mellora integral e reforzo da seguridade vial da estrada nacional N-541, conta cun orzamento de 700.000 euros e permitirá aos veciños de Calvelo contar cun acceso directo ás súas vivendas sen ter que desprazarse ata Tenorio para facer un xiro que lles permita salvar a liña continua existente.

A obra, que comezou o pasado mes de novembro e tivo que deterse polo mencionado problema burocrático de consecución da derradeira finca afectada, tamén incluirá a construción dun aparcadoiro para que haxa espazo para os vehículos dos veciños e dunha parada de autobuses para facilitar, en condicións de seguridade, a subida e baixada dos pasaxeiros deste tipo de transporte público.

Estas dúas melloras non estaban contempladas, pero foron xestionadas polo rexedor con Fomento e coa adxudicataria nunha xuntanza celebrada o pasado mes de decembro á que asistiron representantes veciñais e da comunidade de usuarios de augas. Apenas unhas semanas despois, no mes de xaneiro, comezou a construción do aparcadoiro e da parada. Tamén está previsto que, cando conclúan as obras, se proceda á reposición de todos os servizos afectados, especialmente os referidos ao abastecemento de augas.

En principio, o prazo de execución inicial desta actuación estaba cifrado en seis meses, polo que agora se agarda que a mesma poida quedar rematada ao longo deste ano.

Tras o reinicio dos traballos, Cubela, que se desprazou ata a zona por se houbera que atender algunha demanda veciñal, valorou moi positivamente a “sensibilidade” do Ministerio de Fomento ante as súas xestións, “xa que permitirá axilizar esta actuación e favorecer canto antes aos veciños evitándolles unhas molestias máis prolongadas por mor das obras”.

Deja un comentario