+034 986 09 02 04 Luns 22 de Xaneiro de 2018

A Xunta remata as obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao polígono de Sequeiros, no concello de Barro, cun investimento de máis de 380.000 euros


Trátase da primeira fase das actuacións comprometidas polo Goberno galego para o acondicionamento desta estrada
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria da estrada Pontevedra- Vilagarcía (PO-531), na zona de acceso ao polígono de Sequeiros, no punto quilométrico 8+250, ao seu paso polo concello pontevedrés de Barro.

Trátase da primeira fase das actuacións comprometidas polo Goberno galego para o acondicionamento desta infraestrutura viaria.

O obxectivo principal do proxecto á acadar a redución da velocidade de circulación na contorna do punto quilométrico 8 da estrada, e deste xeito reducir a accidentalidade que rexistra a vía neste tramo.

As actuacións consistiron na execución dunha glorieta no principal acceso ao polígono industrial de Sequeiros (Pq.8+250). A construción da rotonda, ademais de mellorar a seguridade viaria no cruce ao evitar os numerosos cruzamentos que se producen desde o carril central actual, conseguirá minimizar o tráfico na contorna do Pq. 8.

O exceso de velocidade identificouse como unha das principais causas da accidentalidade que se rexistra no tramo, por tanto, a execución da glorieta, que obrigará á redución da velocidade por parte dos condutores, colaborará a mellorar a seguridade viaria da PO-531 ao seu paso polo Concello de Barro.

O proxecto tamén contemplou a execución de paradas de autobús cun apartadoiro, de xeito que os autobuses non paren no carril de circulación, así como melloras nas barreiras de contención e na sinalización. A actuación complementouse coa rehabilitación do firme dos accesos ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, nun treito antigo da estrada.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da seguridade viaria na PO-531 que se seguirá executando de forma progresiva e conforme as prioridades que trasladen os veciños e o Concello. A Consellería de Infraestruturas e os veciños acordaron que a seguinte fase de mellora desta estrada consistirá na construción dunha rotonda na Devesa, no punto quilométrico 7+150, no termo municipal de Pontevedra.

Deja un comentario