+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Salceda de Caselas recibe 30.000 euros do “Plan Concellos” para o Cra Raíña Aragonta


Cunha achega próxima aos 290.000 €, a institución provincial xa leva entregado preto do 45% do importe total que recibe Salceda dentro do Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao concello de Salceda de Caselas ao abeiro da liña 1 de investimentos do “Plan Concellos 2017” que ascenden a un importe total de 29.509,94 euros. En concreto, trátase dunha achega de 26.545,44 euros para realizar un proxecto de mellora na aula de Fontán do CRA Raíña Aragonta e, pola outra banda, outra axuda de 2.964,50 euros para instalar alarmas nas aulas das parroquias deste mesmo centro educativo.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao concello de Salceda de Caselas 19.987,89 euros en liña 1 para a adquisición de distintas ferramentas e maquinarias destinadas ao mantemento e adecuación da infraestruturas locais e para dotar aos seus espazos públicos de contedores para a reciclaxe e bancos. Ademais, outros 95.980,58 € en liña 2 para o financiamento de gasto corrente relativo á iluminación pública e, na liña 3 de emprego, 143.134,78 € para a creación de 13 postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do “Plan Concellos 2017” da Deputación de Pontevedra en Salceda de Caselas xa se atopa no 45,1% do total do investimento, isto é, que a vila xa dispón de 288.613,19 € dun total de preto de 640.000 €.

Deja un comentario