+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra achega máis de 55.000 euros a Gondomar no marco do “Plan Concellos 2017”


A institución provincial leva entregado o 37% do total destinado a Gondomar dentro do Plan, un investimento próximo aos 350.000 euros

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dous novos investimentos para a vila de Gondomar ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017”. Cun importe total situado en 55.933,30 euros, o concello da comarca de Vigo poderá desenvolver un proxecto de instalación dunha pasarela peonil na contorna do seu Mercado de Abastos, cunha achega de 46.933,30 euros e, ademais, recibirá outros 9.000 € para a compra dun vehículo que empregará o persoal da Concellaría de Benestar Social.

Anteriormente, Gondomar xa recibira a cantidade de 41.545 € para levar a cabo a adquisición dun vehículo para a concellaría de Vías e Obras e dunha desbrozadora de brazo lateral. Á marxe da liña 1, outros 39.765,09 € en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como unha aula de teatro, obradoiros de memoria, de informática de mantemento ou de informática para persoas maiores, un ciclo de cinema, o “Gondoverán” 2017, unha carreira a prol da corresponsabilidade, entre outras, e finalmente outros 211.00,61 € en liña 3 para a contratación de 21 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Grazas a esta nova achega, a vila de Gondomar xa leva aprobado o 37,1% do total de investimento que recibe dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 348244 € dun total de máis de 940.000 euros.

Deja un comentario