+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

O concello de Pazos de Borbén entrega as súas distincións a varios deportistas locais


O alcalde, Andrés Igrexas, e o edil de deportes, Francisco Amoedo, recibiron aos integrantes do Pazos FS e aos campións infantís provinciais
O Concello de Pazos de Borbén entregou as súas distincións aos deportistas destacados da pasada tempada nun acto que tivo lugar na Casa do Concello e contou coa presenza do alcalde, Andrés Igrexas, o concelleiro de deportes, Francisco Amoedo.
Os homenaxeados nesta ocasión eran os integrantes do equipo local de fútbol sala, o PazosFS, que este ano repetiron como campións da 3ª división nacional, e dous mozos infantís, Kevin e Eloy, que este ano se proclamaron campións provinciais deste deporte nas filas do Cios Vigo Perrucas.
Durante o acto, o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, expresou a súa satisfacción polos éxitos alcanzados polos deportistas locais, algo que definiu como. “un éxito incrible. Que o equipo dun municipio de 3000 veciños compita con xogadores locais contra equipos de Madrid e municipios de máis de 20.000 persoas, di moito sobre o ben que se fan as cousas neste equipo”, afirmou o alcalde.
Pola súa banda, o edil de deportes, Francisco Amoedo, agradeceu a todos os premiados o seu labor levando por toda España, “o nome dun pequeno pobo que ninguén coñece, pero que logo nunca esquece”, matizou.

Deja un comentario