+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As ruínas de San Domingos incrementan a oferta de visitas guiadas durante o verán


A partires do 1 de xullo de xullo as Ruínas abren durante unha hora máis polas tardes, e a partires do día 4 ofertan catro visitas guiadas por día
No que levamos de ano, os edificios visitables do Museo xa superaron as 50.000 visitas
A partires do vindeiro sábado, 1 de xullo, as Ruínas de San Domingos ampliarán nunha hora o seu horario de apertura polas tardes. Deste xeito, o horario será de 10 a 14h e de 16 a 20h, de martes a sábado; mentres que os domingos e festivos mantense de 11 a 14h. Ao igual que os demais edificios visitables do Museo, os luns permanecerán pechadas.
En canto ás visitas guiadas, a partires do martes 4 de xullo incrementarán a oferta. De martes a sábado, terán lugar ás 10:30h, 12h, 17:30h e 19h; mentres que os domingos e festivos mantense unha visita ás 12h como viña sendo habitual.
Tamén a partir do sábado 1 de xullo e ata o 30 de setembro, o Museo pon en marcha as visitas guiadas para aquelas persoas que, sen formar parte dun grupo concertado, queiran facer un percorrido da man do persoal do Gabinete Didáctico. Baixo o epígrafe “Mergúllate no Sexto”, prográmanse visitas para coñecer as obras máis representativas das coleccións expostas nos edificios Sexto e Sarmiento, e descubrir algúns dos tesouros artísticos que agochan. Para estas visitas non é preciso inscrición, só é necesario achegarse ao punto de encontro establecido na recepción do Sexto. Os horarios destes roteiros serán ás 12h e ás 19h, de martes a venres, e ás 12h os sábados e domingos. Cada percorrido ten unha duración aproximada de 75 minutos.
No que levamos de ano -ata o domingo 25 de xuño- os edificios visitables do Museo contabilizaron un total de 50.784 visitantes. Este dato inclúe visitantes ás Ruínas de San Domingos, ao Sexto e ao Edificio Sarmiento, tanto ás exposicións temporais e permanentes como ás actividades puntuais que acolleron, como presentacións de libros ou audicións musicais.

Deja un comentario