+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva sinala a Rapa das Bestas como exemplo da “revitalización do interior da provincia” como espazo de atracción turística


 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra asinou co Presidente da Asociación Rapa das Bestas un convenio para impulsar a promoción desta festa

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, participou na presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional. Con motivo deste festexo, a Presidenta provincial asinou un convenio co Presidente da Asociación Rapa das Bestas, Henrique Bazal, por valor de 8.000 € para impulsar a promoción desta festa, que é unha das principais iconas fotográficas da provincia de Pontevedra. No acto de presentación da festa tamén estiveron presentes o tenente de Alcalde da Estrada, Juan Constenla, maila concelleira da cidade de Pontevedra Anxos Riveiro.

A Presidenta provincial animou a todas as pontevedresas e pontevedreses a desprazarse ata Sabucedo para gozar desta festa de interese turístico internacional que se celebrará entre o 6 e o 10 de xullo e que este ano celebra o décimo aniversario desde a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional en 2007. “É unha das catro Festas con esta distinción da nosa provincia”, sinalou Carmela Silva, xunto coa Arribada de Baiona, o Corpus Christi de Ponteareas e a Festa Vikinga de Catoira. Deste xeito, “a sona da Rapa sobrepasa a Rías Baixas, a Galicia e tamén ao Estado”.

A Presidenta da Deputación asegurou que a institución provincial apoia a Rapa das Bestas porque “as Administracións teñen que estar do lado das grandes ideas que sitúan nosa a provincia a nivel turístico cunha grande autenticidade e capacidade de atracción”, pero tamén porque “con ela coidamos os montes, o noso medio ambiente, os nosos pobos e as nosas tradicións”, aderezado todo iso “cunha multitude de actividades como un festival de música tradicional que permiten que dende os e as máis pequenas ata as persoas maiores poidan participar activamente de todo o que significa a Rapa das Bestas de Sabucedo”.
Carmela Silva recoñeceu “o extraordinario traballo que fai a Asociación e todas as persoas de Sabucedo para seguir mantendo viva unha tradición que ten centos de anos, que fala da nosa historia e da autenticidade”, dunha “Galicia do interior que tanto ten que aportar”. A Presidenta provincial asegurou que “precisamos revitalizar todo o noso interior e convertelo nun espazo de atracción turística”, cousa que para Carmela Silva “é posible grazas ao traballo desinteresado que fan todas as persoas do marabilloso lugar de Sabucedo por manter as nosas potentes raíces, que traballan por e para todas e todos nós”.

A Presidenta provincial lembrou que durante as datas de celebración da festa, “Sabucedo convértese no centro da provincia de Pontevedra porque chegan milleiros de persoas a desfrutar da Rapa, ademais de centos de xornalistas nacionais e internacionais”. Para Carmela Silva “son incualificable os sentimentos que esperta visualizar todo o que acontece desde a espectacular baixada do monte ata os curros. Os mellores fotógrafos do mundo teñen fotografado eses curros e recibido grandes premios”. “A Rapa das Bestas é algo mitolóxico e algo máxico, cunha forza e unha beleza extraordinarias, tanto dos cabalos como das aloitadoras, que son cada vez máis, e aloitadores”. Por iso, asegurou, “todas as persoas que se acheguen a Sabucedo nestas datas nunca o esquecerán”.

O apoio da Deputación de Pontevedra á festa compleméntase coa inauguración dunha exposición que xa se pode visitar na Praza de Santa María de Pontevedra ata o día da celebración da Rapa das Bestas. Esta mostra fai un repaso histórico da celebración da Festa a través de 20 paneis de grandes dimensións divididos en dous bloques: un sobre a Rapa como festa de grande arraigo popular e tradicional e outra sobre Sabucedo e o seu entorno desde o punto de vista cultural, paisaxístico e turístico. Entre as actividades obxecto do convenio, a Deputación de Pontevedra realizou unhas postais con fotografías históricas da Rapa. A anécdota do acto foi que un dos aloitadores protagonistas da postal, atopábase hoxe entre o público que asistiu ao acto e se recoñeceu na imaxe (adxuntamos a foto)

Deja un comentario