+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Vía libre para as obras para a mellora do cruce da estrada provincial entre Cerquido e Borraliño en Salceda de Caselas


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que no Pleno provincial de mañá venres resolveranse as alegacións ás expropiacións necesarias e o proxecto pasará a contratación

A actuación ten un orzamento de 115.745 euros

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou que a Deputación provincial resolverá este venres no Pleno ordinario as alegacións presentadas ás expropiacións do proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas. A Corporación aprobará definitivamente o proxecto, que ten un orzamento de 115.745 euros, e pasará o expediente ao departamento de contratación, polo que o inicio das obras poderán ser unha realidade nas vindeiras semanas.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra está a priorizar as actuacións relativas á seguranza viaria, dándolle “prioridade absoluta” á mellora e reforma de zonas de alta sinistralidade. “Temos identificados puntos perigosos en toda a provincia aos que estamos dando solución. No caso de Salceda de Caselas a demanda de acondicionamento deste cruce é histórica, polo que atendemos a solicitude do alcalde”, sinalou o nacionalista.

Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou o deputado, prevese a ocupación de nove parcelas privadas que permitirán crear unha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. Para isto foi preciso iniciar un expediente de expropiación forzosa, que sometido a información pública recibiu unha alegación por parte dunha das propietarias das parcelas afectadas. Esta alegación estimouse en parte (valorando tamén na expropiación 15 piñeiros, 16 eucaliptos e 6 carballos), mais desestimouse a expropiación total da parcela, cunha superficie de 637 metros, xa que só son precisos 357,45 metros cadrados.

No proxecto, a maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido.

Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora. Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

Deja un comentario