+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

A alcaldesa de Mos reuniuse co colectivo de persoas con discapacidade física e/ou intelectual do municipio


Do encontro naceu a idea de emprender un plan municipal de integración para discapacitados mosenses
O programa ‘Encontros coa alcaldesa’ reuniu nos exteriores de ASODIFISI-Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos (na parroquia de Torroso) á rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e ás persoas con algunha discapacidade física e/ou intelectual do municipio e ás súas familias.
De dito encontro extraeuse a conclusión da creación dun Plan Local de Integración que conste de iniciativas laborais e de ocio que integren e fomenten a convivencia de persoas discapacitadas con veciños con plenas capacidades, facilitando e promovendo a participación das primeiras en ditas actividades.
O devandito plan integraríase de: dende convenios con empresas para a realización de prácticas laborais de persoas con discapacidade en diferentes ámbitos como oficina, xardinería, limpeza, etc. Neste senso o Concello de Mos xa está a traballar en colaboración co Centro das Escravas da Virxe Dolorosa nun proxecto de voluntariado recíproco no que as usuarias das Escravas acompañan e axudan, ao tempo que se forman, ás traballadoras municipais da limpeza.
Por outra banda, entre as actividades de lecer suxeríronse viaxes, festas, cine ao aire libre, cursos… pero sempre que sexan iniciativas integradoras nas que as persoas con discapacidade poidan convivir, interactuar e integrarse con outras con plenas capacidades de cara a conquerir a plena integración deste colectivo.
Neste sentido a alcaldesa dirixíase onte aos presentes no encontro dicíndolles que “as persoas con algunha discapacidade, física e/ou intelectual, sodes os superheroes e superheroínas do noso concello, xa que por desgracia tedes que enfrentarvos día a día a unha sociedade que aínda non se atopa plenamente adaptada para vós. Son coñecedora das inxustizas e dificultades que aínda demasiadas veces tedes que sufrir. Sei que para todos vós o máis importante é sentirvos valorados. Porque en realidade tedes valor, tedes moito valor: sodes valentes pero tamén valiosos, xa que estades capacitados para moitas máis cousas das que a sociedade cre, e incluso das que vós mesmos credes. Dende o lado sinxelo da vida, que é o de persoas coma min, sei que vos poñemos moitas barreiras: barreiras non só arquitectónicas senón de marxinación e tamén de exclusión. Así que espero que este encontro de hoxe nos sirva a todos para aportar o noso graniño de area a prol da normalización, a inserción e a concienciación”.
‘Encontros coa alcaldesa’ é unha iniciativa pensada para que os diferentes colectivos sociais do Concello de Mos poidan charlar de ti a ti e en persoa coa rexedora local, Nidia Arévalo, facerlle consultas, plantexarlle suxerencias, trasladarlle opinións, etc.
Os seguintes colectivos aos que se convocará serán o alumnado do Instituto, empresariado, deportistas e usuarios de instalacións deportivas, voluntariado e asociacionismo social, mulleres, agrupacións culturais, mocidade en xeral, universitarios, etc.

Deja un comentario