+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A mellora na rede de pluviais de Laxoso de Abaixo acabará co asolagamento da entrada a unha vivenda


O Concello asfaltará tamén este treito da vía, pois a acción das augas produciu danos no pavimento
O Concello solucionou o “histórico” problema nun treito da pista municipal que conduce a Laxoso de Abaixo dende a PO-234. Ao situarse no punto máis baixo do percorrido quedaba completamente asolagado nos días de choiva, deixando illada unha vivenda e dificultando o acceso ao resto.
Diante das queixas veciñais, que ata o de agora non se tiñan atendido, o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) decidiu actuar e procedeu a aumentar a capacidade de desaloxo da rede de pluviais. Para elo instalou novas grellas e saídas, así como unha nova tubaxe soterrada ata un regato próximo. A colaboración veciñal, permitindo pasar o tubo, resultou clave para acadar esta solución definitiva.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras e destacou que a acumulación de auga ao longo de varios anos abrandou o terreo producindo danos importantes no firme. Agora, rematados os traballos da nova saída de augas pluviais, o Concello vai proceder tamén ao asfaltado para deixar a pista en perfecto estado.
As reparacións na rede de pluviais están a ser unha constante durante este mandato municipal, no que os veciños están vendo atendidas as súas peticións, mesmo as que se refiren á reparación de obras acometidas deficientemente nos últimos anos por mor da instalación de tubaxes dun diámetro insuficiente.

Deja un comentario