+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

O Goberno acusa a Crespo de mentir sobre a posibilidade de destinar remanentes ás obras de reparación do Auditorio


O Concello lémbralle que a lexislación impide empregar eses cartos ata a aprobación definitiva dos orzamentos xerais do Estado, ao teren que ir como investimento financeiramente sostible

 

O Goberno municipal acusou hoxe ao portavoz do Partido Popular de mentir de maneira flagrante sobre a posibilidade de destinar parte dos remanentes do Concello á realización das obras de reparación do Auditorio Municipal, un inmoble que sufriu considerables desperfetos durante o temporal do pasado mes de febreiro. Para o executivo local, as afirmacións de José Crespo demostran que é incapaz de saír da espiral de mentiras na que se atopa instalado dende hai meses como único xeito que ten de facer oposición, xa que -como debería saber o portavoz do PP- eses cartos só se poderían empregar como investimento financeiramente sostible e iso non se pode facer ata que estean aprobados de maneira definitiva os orzamentos xerais do Estado, de acordo coas esixencias do Ministerio de Facenda.

Desde este punto de vista, para o Goberno local resulta impresentable que José Crespo se atreva a falar de xestión pública, cando das súas palabras se desprende que ou ben descoñece da lexislación vixente ou ben minte de novo e de maneira deliberada sobre a súa aplicación. Por iso, o Goberno pídelle unha vez máis ao portavoz do Partido Popular que deixe de intentar enganar a uns veciños que xa non cren nin unha soa das súas palabras e que -se por fin quere facer unha oposición responsable, leal e construtiva- lle reclame ao seu compañeiro Román Rodríguez que active as axudas que anunciou para o pasado mes de abril e das que aínda non se sabe absolutamente nada. En calquera caso, o Concello acometerá o resto das actuacións con fondos propios unha vez estean aprobados os orzamentos municipais, se o conselleiro de Cultura -nunha reunión co alcalde- e a presidenta da Deputación -que mesmo visitou o inmoble- non colaboran economicamente na reparación do Auditorio, tal como se comprometeron.

Por outra banda, o Goberno recórdalle ao portavoz do Partido Popular que o Concello xa realizou con fondos propios reparacións previas e de carácter inaprazable, en aras de evitar maiores danos no Auditorio. Estas actuacións, que supuxeron un investimento de preto de 55 mil euros, tramitáronse por procedemento de urxencia adaptándose á lexislación, que permite a contratación sen tramitar expediente administrativo nos casos nos que “a administración teña que actuar de xeito inmediato por mor de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan grave perigo […])”. Desta maneira, entre os traballos de maior urxencia que se realizaron, estivo a desmontaxe e reposición da cuberta formada pos chapa de aceiro, así como a reposición da carpintería exterior de aluminio, a instalación de falso teito mediante placas de escaiola, ou a reposición da instalación de climatización con panel ríxido de alta densidade de vidro.

Deja un comentario