+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

O BNG de Lores segue sen cumprir a Lei de Transparencia


Os populares denuncian que “dende o ano 2015 non se publica ningún contrato Negociado Sen Publicidade”, pese a ser o mecanismo de contratación favorito dos nacionalistas

O Goberno do BNG de Lores segue sen cumprir a Lei 19/2013, de 9 de decembro, relativa á transparencia, acceso á información pública e bo goberno, pese ás reiteradas denuncias realizadas polo Grupo Municipal do Partido Popular.
Así, o artigo 8.1 a) referido á Información Económica, Orzamentaria e Estatística obriga aos concellos a publicar todos os contratos, con indicación do obxecto, duración, o importe de licitación e adxudicación, así como o procedemento empregado para a súa celebración, entre outras obrigas.
“Chámanos á atención que o Goberno de Lores puxo ao día os Contratos Menores, cuxo volume é máis numeroso (803 no primeiro trimestre do 2017), pero continúan ocultando na web municipal os Contratos Negociados Sen Publicidade”, apuntou este xoves o concelleiro popular, Rafael Domínguez.
Os populares lembran que “o Negociado Sen Publicade é o mecanismo favorito do BNG de Lores, que non dubida en recorrer sempre a el para calquera obra, incluso chegando ao fraccionamento de contratos que é motivo de reparos continuos por os servizos técnicos do Concello de Pontevedra”. “Unha práctica excepcional que xa foi motivo do pronunciamento da Secretaría do Pleno a instancia de este Grupo no ano 2015, no que indicaba que se valore a conveniencia de publicación de anuncios na web municipal, ou mesmo de emprego do procedemento aberto, especialmente cando as contías se acercan aos límites para o uso do procedemento negociado”, destacou o edil popular.
Pero, “lonxe de aplicar as recomendacións dos técnicos municipais, o BNG segue ancorado na opacidade e negándolle aos pontevedreses un dereito que lles corresponde, como é o de coñecer por eles mesmos en que emprega o Goberno cada euro”, denunciou Domínguez, “neste primeiro semestre do ano 2017, estamos a detectar un considerable incremento dos contratos Negociados Sen Publicidade sen xustificación algunha e que ademais non vai acompañada da súa correspondente publicación na web municipal, tal e como manda a Lei de Transparencia”, engadiu o concelleiro popular.
Por este motivo a formación que encabeza Jacobo Moreira, esixe “a publicación inmediata destes contratos, pois se foron capaces de facelo cos contratos menores que é moito máis laborioso, nada lles impide cumprir coa obriga de Transparencia amparada na Lei”, sentenciou Rafael Domínguez.

Deja un comentario