+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Papá Noel visita os nenos de Ponte Caldelas subido nunha preciosa carruaxe de cabalos


O Centro Cultural serviu de punto de encontro entre o visitante de Laponia e os nenos do municipio

Papá Noel chegou a Ponte Caldelas subido nunha preciosa carruaxe de cabalos e visitou os nenos do municipio no Centro Cultural da vila. O ancián de Laponia chegou puntual á súa cita e estivo durante case dúas horas atendendo as peticións dos nenos e nenas que se achegaron ata o edificio cultural situado nas inmediacións da Alameda aos que obsequiou con gran cantidade de caramelos.

Esta actividade, organizada polo Concello de Ponte Caldelas e a asociación de comerciantes COEMPO, enmárcase dentro da campaña de dinamización do comercio local en Nadal e que presenta ademais como novidade a entrega directa de premios e sorteos nos distintos establecementos comerciais adheridos a esta asociación.

Ademais, e co fin de ofrecer alternativas de ocio para os máis pequenos da casa e facilitar as compras de Nadal, os días 27, 28 e 31 de decembro e 3 e 4 de xaneiro habilitarase a Ludoteca de Nadal no Centro Cultural, que estará operativa de 11 a 13 horas e de 17 a 19 horas todos estes días, agás o 31, que funcionarán só de mañá.

Festa infantil e toma de uvas anticipada como despedida do ano 2014

Outra das actividades que terá especial interese será a Festa Infantil de Fin de Ano anticipada que se celebrará o 31 de decembro, a partir das 12 do mediodía, na Alameda de Ponte Caldelas onde terá lugar actividades infantís e a toma das tradicionais uvas ao ritmo das badaladas do Centro Cultural.

Finalmente, a tradicional Cabalgata de Reis terá lugar o domingo 4 de xaneiro, a partir das 18 horas, na que participarán catro carrozas. En tres delas irán cada un dos Reis de Oriente, que repartirán abundantes caramelos entre aquelas persoas que se acheguen ata o centro urbano de Ponte Caldelas para ver a chegada dos Reis Magos.

Deja un comentario