+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

A mosense Marta Barciela gaña o concurso para crear o logotipo da concellería de Deportes


O seu deseño, inspirado nos aros olímpicos e na rosa de Mos, representará a partir de agora á actividade deportiva do municipio

Realizouse a entrega do premio á gañadora do Concurso de Deseño do Logo / Mascota da concellería de Deportes de Mos, a Marta Barciela Collazo, veciña mosense da parroquia de Louredo, concretamente do Alto de Barreiro-Santiaguiño; de 22 anos de idade e estudante de Deseño Industrial en Ferrol.
No acto, celebrado no Salón de Sesións do Concello de Mos, estiveron presentes a premiada xunto con Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes de Mos, os tamén edís mosenses Camilo Augusto e Cándido Pérez e dous monitores da Piscina Municipal de Mos.
O deseño gañador, segundo explicou a propia Marta Barciela, está inspirado nos aros olímpicos e na rosa do escudo e bandeira de Mos, fusionando ambos elementos para simbolizar o deporte mosense.
O Concello de Mos convocou o pasado mes de maio un concurso para a creación do logotipo / mascota que representase a imaxe do departamento municipal de Deportes e todas as instalacións deportivas.

O fin principal desta concellería, como área de servicio ao cidadán, é o fomento da actividade física e o entretemento dos habitantes do municipio e dos visitantes a través da programación de actividades lúdicas e competitivas. Ao carecer este departamento dun logotipo e/ou mascota que o identifique e que o faga máis atractivo e identificable para o seu público obxectivo, decidiuse convocar este concurso para que foran os propios cidadáns os que deseñaran a imaxe que consideraran máis representativa para a actividade deportiva municipal.

Deste xeito, coa convocatoria do concurso, o que se pretendeu foi, segundo declararon os representantes locais, Arévalo e Méndez, “favorecer e incrementar a participación en cantas iniciativas desenrolan os programas municipais en materia de actividade física e deportiva, apoiar co soporte publicitario institucional novas iniciativas e actividades dacordo coa demanda cidadá, mellorar a imaxe corporativa nas actividades deportivas do municipio, apoiar mediante a publicidade institucional o fomento do asociacionismo e da iniciativa cidadá no ámbito da actividade físico-deportiva, favorecer a identificación dos clubes e deportistas do municipio coa marca institucional; e colaborar mediante a publicidade institucional con calquera iniciativa na organización de actos deportivos, sexan de promoción ou lúdico-competitivos dirixidos a todos os grupos de poboación e colectivos do municipio”.

As propostas tiñan que ser completamente inéditas. Debían inspirarse na igualdade de oportunidades entre ambos sexos e a participación cidadá. Debían ser propostas versátiles, que permitiran a súa adaptación a diferentes formatos e espacios.

O premio recibido pola gañadora, Marta Barciela, consiste no acceso libre á piscina e ximnasio municipais do 16 de setembro de 2017 ao 15 de xuño de 2018, así como un cursiño de natación gratuíto neste mesmo período de tempo.

A deliberación do xurado para a elección do deseño gañador adoptou as súas decisións con total independencia en base aos seguintes criterios de valoración: valor artístico e simbólico da proposta, calidade técnica, orixinalidade, e capacidade ou adaptabilidade do logotipo aos espazos e formatos nos que se presume será utilizado no futuro (carteis, dípticos, papelería, web o calquer outro soporte publicitario ou de difusión).

Deja un comentario