+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Mouriño visita o Campus Real Club Celta-Rubén Blanco que se imparte no Campo das Baloutas


Acompañado da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, saudou aos 68 cativos participantes

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, visitou o Campus Rubén Blanco-Concello de Mos que se está a realizar esta semana no Campo de Fútbol das Baloutas e mañá venres tocará ó seu fin.

Durante a visita aos cativos participantes no Campus R.C. Celta Rubén Blanco-Concello de Mos, Carlos Mouriño estivo acompañado por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes de Mos, Germán Arteta, director da Fundación Celta de Vigo, Pablo Serodio, presidente da Unión Deportiva Mos (en cuxo campo se está a levar a cabo o campus), e o tamén edil mosense, Luis Alonso.

Neste IV Campus Fundación Celta de Vigo-Rubén Blanco están a participar un total de 68 nenos e nenas que cubriron todas as prazas que había dispoñibles, acadando un inmellorable éxito de afluencia.

O Campus desenvólvese dende o pasado día 26 de xuño, luns, ata mañá 30 de xuño no Campo de Fútbol das Baloutas da Unión Deportiva Mos. O horario de desenrolo deste campus de fútbol infantil é de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá, cun descanso para comer algo e beber auga para hidratarse.

Ó inicio do campus os rapaces participantes (con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos) recibiron a equipación composta por calcetíns, pantalón e camiseta; así coma, ao remate do mesmo, un diploma acreditativo.

O prezo do campus para os cativos de Mos foi de 50 euros, xa que o Concello subvencionou unha parte, mentres que para os non empadoados era de 130 euros (a non ser que foran membros da Fundación, caso no cal pagaban 115 euros).

A metodoloxía que utilizan os monitores da Fundación Celta de Vigo neste Campus baséase no traballo de catro áreas fundamentais: coordinación, técnico-táctica, multideporte, e competición. O sistema para impartir a formación ós xogadores é rotativo, de xeito que ó longo da mañá tódolos cativos participantes no Campus vaian pasando polas catro diferentes áreas de traballo.

Esta metodoloxía é a mesma que se emprega nas categorías inferiores do Real Club Celta. Ademais a formación especializada deste campus está impartida por adestradores da canteira do Real Club Celta de Vigo.

Os pequenos mosenses participantes nesta iniciativa recibiron tamén ó longo da semana do Campus charlas sobre os valores no deporte e como inculcarllos ós xoves deportistas, e nutrición e hábitos de alimentación saudables. Trátase pois dunha actividade perfectamente equilibrada entre o lúdico e o formativo sen deixar de lado a educación en valores. E é que mediante a celebración deste campus preténdese empregar a práctica deportiva entre os máis xoves como ferramenta transmisora de valores como son a solidariedade, creatividade, traballo en equipo, sacrificio, superación, respecto, humildade e compañeirismo.

Os obxectivos deste Campus son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “facilitar ós pais e nais mosenses a conciliación da vida familiar e laboral unha vez iniciadas as vacacións estivais dos máis pequenos, fomentar a práctica do deporte nas idades máis temperás, así coma educar ós cativos participantes en valores e promover hábitos alimenticios saudables e equilibrados”.

Deja un comentario