+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O Concello reforza os seus medios para loitar contra os incendios coa incorporación dun alxibe


O Goberno local advirte de que mañá, venres, remata o prazo para a limpeza voluntaria de fincas urbanas

O Concello de Ponte Caldelas optimiza os seus medios de loita contra os incendios tanto urbanos como forestais. Unha medida que permite afrontar a temporada de verán con algo máis de tranquilidade e que se suma á recente aprobación dunha ordenanza municipal que obriga aos propietarios de fincas urbanas e de núcleo rural a limpalas, baixo pena de sanción.
O prazo para a limpeza voluntaria de fincas conclúe mañá, día 30. A partir de agora, o Concello emitirá órdenes execución cun prazo de 10 días. De persistir o descoido chegarán as multas ou mesmo a execución directa polo Concello, con todos os gastos por conta do propietario infractor. O Goberno local anima a todos os veciños preocupados pola situación de fincas apegadas ás súas vivendas a presentar denuncias no Concello, ao detectar que este ano existe unha gran preocupación por este asunto diante do acaecido hai poucos días en Portugal. Ao mesmo tempo, lembra que as parcelas en solo rústico, incluído o forestal, son competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou hoxe a base da brigada de Obras para comprobar o resultado das reparacións que permitiron recuperar un alxibe de 6.000 litros que estaba abandonado dende hai varios anos e que agora pasa a complementar as prestacións do vehículo motobomba municipal, de 3.500 litros. O alxibe foi completamente revisado, desmontouse e púxose a punto súa bomba de impulsión e colocáronselle rodas novas, o que garante a súa plena operatividade.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi preocupado pola ineficacia do operativo antiincendios da Xunta Galicia. Ponte Caldelas está adscrita ao parque de Bueu, cuns tempos de reacción excesivos, moi por enriba do obxectivo dos 20 minutos, que fan que sempre sexan os propios operarios do Concello os primeiros en chegar ao lugar dun incendio. Así ten sucedido nos últimos episodios rexistrados no municipio, afortunadamente todos sen consecuencias persoais. Algo parecido cómpre dicir dos incendios forestais, pois unha vez detectado un lume, os vehículos municipais son os primeiros en acudir, evitando en moitos casos que as lapas vaian a máis. A súa intervención foi decisiva o ano pasado nos episodios sufridos en Regodobargo, A Insua ou Gradín.
Porén o alcalde subliña que os operarios municipais non son especialistas en extinción de incendios e, aínda que van moito máis alá das súas obrigas, teñen instrucións moi claras de non correr riscos innecesarios.
Finalmente, subliñou que o Concello está organizado agora cun operativo de atención permanente, cun operario sempre localizado, de xeito que pode despregarse, producida unha situación de emerxencia, durante as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Deja un comentario