+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

A gran mentira das Piscinas de Campolongo


Os populares sinalan a tres culpables neste asunto: a concelleira do BNG, Anxos Riveiro, o portavoz dos socialistas, Agustín Fernández e a propia empresa concesionaria

Os populares denunciaron hoxe “a gran mentira en todo o que se refire ao Complexo Deportivo das Piscinas de Campolongo”. Ante a sinatura da que é xa a novena prórroga irregular deste contrato, a formación que encabeza Jacobo Moreira quixo poñer as cartas sobre a mesa nun asunto no que veñen insistindo dende hai moitos anos: “os pontevedreses están a ser estafados”.
Así, o concelleiro popular, César Abal, sinalou a tres culpables: a concelleira de Deportes do BNG, Anxos Riveiro, “que nas dúas etapas que tivo responsabilidades permaneceu paralizada e sen tomar solucións ao respecto”; Agustín Fernández, actual portavoz do Grupo Socialista, “porque decidiu asumir como propio un Plan de Viabilidade presentado pola propia empresa que era parte interesada neste contrato”; e a propia empresa concesionaria, “que tamén ten unha responsabilidade ampla neste asunto”.
“Lores critica sempre as dúas mesmas empresas de Pontevedra, pero non fai o mesmo con outras como a concesionaria das Piscinas de Campolongo á que tiña que esixirlle as máximas garantías, pois este complexo o usan unha media de 2.000 pontevedreses ao mes”, lamentou César Abal.
“Agora é o momento de poder asumir arranxos necesarios e urxentes. Coa firma da novena prórroga irregular. E van a seguir mirando cara outro lado ante a desesperación de miles de usuarios e tamén dos empregados do recinto”, destacou César Abal, “a concesionaria ten que dar a cara e hai que pedirlle explicacións, pois todo este proceso no que embarcou ao Goberno de Lores partiu dun Plan de Viabilidade presentado por eles mesmos no ano 2012”. “A pasada semana, os usuarios tiveron que realizar unha clase de fitness ao aire libre ante as altas temperaturas e a gran porcentaxe de humidade rexistrada no recinto. Un feito que probablemente repetirase ao longo dos vindeiros meses sen que ninguén se rasgue as vestiduras”, engadiu o edil popular.
Ademais, tras coñecer que o Concello de Pontevedra está disposto a investir un millón de euros, dos 3,5 millóns que supón o total da obra a realizar no Complexo Deportivo, os populares consideran que en todo caso o máis adecuado sería que o Concello asumise a reforma completa e que despois, coa licitación do contrato de xestión, tratase de recuperar o investimento realizado.
Escusa perfecta para refacer o Plan de Viabilidade
O edil popular desvelou a “outra mentira do BNG de Lores” que apelou á entrada en vigor da nova Lei de Desindexación, que non entrou en vigor ata o 5 de febreiro deste ano “como escusa por non ter feito nada”.
“Foi en agosto de 2016 cando presentaron o Plan de Viabilidade, presentamos alegacións e tiñan tres meses para resolvelo e chegar a tempo pero a súa parálise impediulles sacalo adiante”, manifestou Abal quen lamenta que “de momento tan só coñecemos o novo Plan de Viabilidade polo que aparece nos medios”.

Deja un comentario