+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación adica preto de medio millón de euros para que os concellos atendan axudas de emerxencia


A Presidenta Carmela Silva subliñou que neste ano poderán atenderse os gastos de odontoloxía e aqueles derivados da atención a persoas con diversidade funcional

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe en rolda de prensa que as novas axudas de emerxencia aprobadas en xunta de goberno incluirán aqueles gastos de odontoloxía ou derivados do coidado de persoas con diversidade funcional ou dependencia, algo que ate de agora non estaba contemplado.

Carmela Silva destacou que a liña de axudas de emerxencia está dotada de 465.000 euros a través da cal se poden beneficiar os servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para atender ás demandas urxentes e necesidades puntuais da cidadanía que se atopa en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas con menores ao seu cargo.

As axudas repártense entre os concellos dependendo da poboación e da porcentaxe de persoas en desemprego con respecto a súa poboación total. As axudas van dende os sete mil euros ate os case quince mil euros.

Estas axudas son para alimentación, pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda, pagamento de recibos de luz, auga, gas ou gasóleo, pagamento de produtos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos médicos ou o pagamento de lentes e audífonos e axudas de apoio á infancia.

Por último, Carmela Silva destacou que o ano pasado mediante estas axudas déronse cobertura ás necesidades básicas de preto de 2.000 familias de toda provincia das que máis de 1.450 tiñan menores ao seu cargo, preto de 1.200 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego e 350 eran familias monoparentais.

Deja un comentario