+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Mos, Concello pioneiro en políticas educativas


No último curso escolar 2016-2017 a administración local mosense investiu 30.000 euros en iniciativas en beneficio da comunidade escolar, integrada por 1.900 alumnos e alumnas
O Concello de Mos é pioneiro en iniciativas educativas, dende programas e actividades que ningún outro municipio organiza, ata subvencións e axudas que moi poucos concellos ofrecen.
Dende a concellería de Educación e Participación Cidadá mosense investíronse no recén rematado curso escolar 2016-2017 un total de 30.000 euros en diferentes políticas educativas (sen contar as inversións en obras e dotacións de material) das que foron beneficiarios un total de 1.900 alumnos e alumnas dos 6 centros públicos de Mos: os colexios de Petelos, Atín-Cela, Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda e o do Instituto.
O de Mos é o pioneiro en ofertar actividades para os escolares financiadas pola concellería de Educación e realizadas dentro do horario lectivo, como é o caso dos obradoiros que se levaron a cabo nos colexios mosenses durante o curso 2016-2017 tales coma: xadrez, ábaco, mates no teu súper, coñece ao teu mellor amigo, poesía, visita ao Festival de Cans, surf, concerto didáctico, baile deportivo, lingua de signos, obradoiro de igualdade, alimentación saudable, ciencia en movemento, prevención de condutas violentas, consumo responsable, obradoiro de graffiti e un longo etcétera de actividades ás que o alumnado mosense non tería acceso de non ser pola administración local.
Por outra banda, fóra do horario escolar o Concello de Mos tamén organizou o pasado curso actividades e excursións para escolares coma a saída á estación de esquí de Leitariegos, os obradoiros de Nadal e de Entroido, as Xornadas Multiuaventura, os cursos de baile moderno e surf; así coma o campamento estival Mañás de Verán que se atopa en marcha.
Ademais o Concello de Mos fai unha aportación mensual ás ANPAs de tres CEIPs para a Aula Madruga (para favorecer a conciliación familiar e laboral dos pais e nais que teñen que deixar por motivos de traballo aos seus fillos/as no centro educativo antes da hora de inicio das clases) e ofrece aos pais e nais de alumnos/as sendas axudas para o servizo de comedor escolar, para a adquisición de material, e para actividades extraescolares.
Os escolares dos Colexios de Educación Infantil e Primaria non son os únicos beneficiados das políticas educativas mosenses, senón que o alumnado do Instituto tamén é obxecto de iniciativas municipais tales coma a Aula de Integración, e actividades para a prevención do acoso escolar, o fomento do bo uso das redes sociais e novas tecnoloxías, prevención da violencia de xénero, fomento dunha sexualidade sá e segura, etc.
A Aula de Integración, ubicada físicamente no centro Multiusos das Pozas, é un espazo para que estudantes expulsados do IES durante un período de tempo atopen un contorno adecuado para recapacitar e preparar a súa correcta reinserción na comunidade escolar tras o período de sanción ou expulsión. Este foi o sexto ano de actuación da Aula de Integración de Mos, cuia continuidade ven avalada polos bos resultados acadados nas anteriores edicións. Con este xa son seis os cursos escolares durante os que o Concello de Mos e a concellería de Educación mosense, en particular, atenden esta necesidade.

Deja un comentario