+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O Concello contrata a renovación do céspede artificial no Campo de Fútbol de Cototorrón


A obra de mellora dará comezo no mes de xullo
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes mosense, Alberto Méndez, informaron de que onte aprobouse en Xunta de Goberno Local a proposta de adxudicación da obra de renovación do céspede artificial no Campo de Fútbol de Cototorrón.
Unha vez realizada a contratación da empresa adxudicataria iniciaranse os traballos, cuxo comezo está previsto para este mes de xullo.
Para a acometida do proxecto de substitución do céspede artificial o Concello solicitou á Deputación de Pontevedra unha axuda de 120.000 euros con cargo ao Plan Concellos 2017.
A este respecto a rexedora local lembrou que antes na Deputación había unha partida específica para campos de fútbol que agora non existe e esas melloras teñen que asumilas agora os Concellos. Xunto co de Cototorrón existen na provincia de Pontevedra outros 12 de campos de fútbol máis que necesitan cambio de tapete, e ademais en pouco tempo dita renovación terá que facerse tamén no Campo das Baloutas. Por iso o goberno local mosense decidiu acometer esta mellora en Cototorrón solicitando unha subvención con cargo ao Plan Concellos, xa que no Club Louro-Tameiga xogan máis de 300 nenos e nenas que precisan adestrar e disputar os partidos nun tapete de herba artificial que se atope en óptimas condicións.
O Campo de Fútbol de Cototorrón foi construido pola anterior Deputación no ano 2003, que no ano 2015 lle acometeu tamén unha ampliación e mellora dos vestiarios. Agora o campo precisa da renovación do céspede artificial para o que a nova Deputación xa non ten partida. Por iso, e para dar servizo e seguridade aos centos de rapaces e rapaces que usan estas instalacións deportivas, o Concello de Mos decidiu incluir esta actuación no Plan Concellos 2017 da administración provincial e solicitar unha axuda para este fin con cargo ao devandito plan.
O proxecto de substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol de Cototorrón ten como principal actuación a susbtitución do actual céspede, moi envellecido e en mal estado, por un novo de última xeración. O actual céspede foi instalado hai máis de dez anos, e debido ao seu uso intensivo, presenta unhas condicións de práctica que fan necesaria unha instervención para substituír dito pavimento deportivo e adecualo ás necesidades que garantan un adecuado rendemento deportivo, evitando lesións inoportunas aos deportistas e á súa vez mellorando as prestacións deportivas do solo.
Previamente á redacción do proxecto de reposición do pavimento deportivo mediante unha nova moqueta de céspede artificial, técnicos municipais visitaron o espazo no que se vai a levar a cabo a actuación, co fin de verificar o estado do mesmo, apreciando anomalías tales coma que a fibra do céspede presenta un desgaste por desfibrilación moi importante, existen varias zonas do campo con reparacións moi deterioradas e as xuntas de unión dos panos da moqueta do céspede están moi remarcadas e despegadas, a punto de abrirse. É por elo que o estado que actualmente presenta dito pavimento pode provocar lesións nos deportistas, baixar o seu rendemento durante o desenvolvemento do xogo e dificultar a práctica do mesmo; defectos que demostran que o actual sistema de céspede artificial instalado no Campo de Fútbol de Cototorrón rematou o seu ciclo de vida, facéndose necesaria a súa substitución inminente. Unha vez iniciados os traballos de reposición do tapete, estes terán un prazo de execución de catro semanas.

Deja un comentario