+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación remata os traballos de repintado das estradas provinciais en Marín


O deputado Uxío Benítez salientou que o traballo de mellora supuxo a mellora de preto de 30 quilómetros de sinalización horizontal

A Deputación de Pontevedra rematou xa os traballos de repintado e mellora da nova sinalización horizontal nas estradas provinciais do concello de Marín. Os traballos contratados pola institución provincial renovaron 29,7 quilómetros de sinalización e supuxeron un investimento de 19.134,96 euros.
O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade, no que están inmersas estas actuacións no Morrazo, beneficiará a un total de 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros. Trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra actúa de xeito xenérico e planificado na mellora da sinalización nas estradas de toda a provincia cun plan integral.
Esta renovación da sinalización horizontal, segundo asegura o deputado Uxío Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O obxectivo é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.
Nos últimos días a empresa adxudicataria do lote correspondente á comarca do Morrazo (Viabal Manteniment i Conservació SA) realizou os pintados da EP-1201 Marín-Penizas, EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro, EP-1204 de acceso á praia de Loira, EP-1205 e EP-1206 de acceso á praia de Aguete, que supoñen 29,7 quilómetros de marcas pintados.
O concello de Marín, pola súa banda, tamén recibirá actuacións de calmado de tráfico do Plan Móvese cunha mellora valorada en 109.323 euros. As obras consistirán na instalación de 10 pasos de peóns sobreelevados e un redutor de velocidade en puntos estratéxicos de catro estradas provinciais.

Deja un comentario