+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

As esixencias dos representantes sindicais imposibilitan a aprobación da RPT en Salceda


O Equipo de Goberno prantexaba unha proposta que beneficiaba ao 88% da plantilla cun incremento do custo salarial en torno aos 200.000 €. Os representantes sindicais do Concello prantexaron 750.000 €.
O Equipo de Goberno de Salceda de Caselas (Movemento Salceda) leva meses a traballar na que sería a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) para o Concello de Salceda. O documento, permitiría a regularización dos diferentes postos existentes no Concello, así como a creación de novas prazas precisas para o correcto funcionamento da administración local. A RPT eliminaría as desigualdades existentes ata o de agora entre persoas que, desempeñando as mesmas funcións, tiñan condicións salariais moi diferentes, outorgadas a cada un deles durante os anos de Goberno do PP e herdadas polo Goberno actual. Grazas ó documento pasarían a unificar a súa situación, igualando os salarios entre persoal funcionario e laboral que desempeñe as mesmas funcións. Así mesmo, o documento serviría para recoñecer situacións especiais como a turnicidade, a xornada partida ou a penosidade. O Goberno ofreceu un incremento do custe salarial en torno aos 200.000 €, que estaba disposto a asumir, tendo en conta que habería que detraelos doutras partidas destinadas a ofrecer servizos aos veciños e veciñas de Salceda. O Goberno garantía que ningún empregado/a sufriría baixadas salariais, xa que a 38 dos 42 postos contemplados lle subía a retribución, e aos 4 restantes se lles ofrecía un complemento persoal para evitar diminucións salariais.
Sen embargo, para os representantes sindicais do Concello non foi suficiente. O documento proposto polo Concello inclúe a creación das prazas de Arquitecto Técnico, Técnico de Administración Xeral, Tesoureiro Habilitado Nacional e dous Oficiais de Policía Local, e os representantes sindicais do Concello pretendían ademais a creación de 17 prazas máis repartidas nos diferentes departamentos, así como numerosos incrementos nos niveis retributivos das prazas existentes, algo totalmente inasumible para a facenda local. Aínda así, o Equipo de Goberno estivo disposto a seguir coas negociacións e a ir chegando a acordos entre as partes. Sen embargo, pola parte dos representantes sindicais do Concello, decidiron unilateralmente levantarse e abandonar a mesa de negociación, unha vez que o Goberno non estaba disposto a aceptar esixencias nin chantaxes que suporían a absoluta incapacidade e imposibilidade por parte do Concello de facer fronte ás necesidades e servizos básicos que está obrigado a ofrecer aos veciños e veciñas.
Ante o abandono da parte sindical das negociacións, coa total imposibilidade de asumir o incremento plantexado por estes, o Equipo de Goberno vese obrigado a aprazar o proceso de aprobación, á espera de contar coa maioría suficiente que permita a aprobación plenaria do documento.
Por outra banda, boa parte da plantilla municipal, en plena negociación, decidiu xudicializar as súas situacións laborais, poñendo máis trabas ao proceso negociador con demandas contra o Concello, que demostraron a pouca ou nula intención de negociar e, polo tanto, de buscar solucións en beneficio de todos e todas.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Lamentamos profundamente que os representantes sindicais do Concello non tivesen a ben aproveitar esta oportunidade única para eliminar as desigualdades históricas existentes entre traballadores/as. O que non podemos é asumir un custo salarial por riba das nosas posibilidades. Os representantes sindicais do Concello perseguen máis a consolidación de intereses persoais concretos que a planificación racional e de futuro do Concello que permita unha Administración máis áxil e eficaz”.
Marcos Besada: “O Goberno fixo un plantexamento obxetivo máis que razoable aos representantes sindicais do Concello e que supuña un gran esforzo económico para as arcas municipais. A que ía ser a primeira RPT do Concello de Salceda correxiría a situación interna herdada do anterior goberno do PP, que non se adapta ás necesidades actuais do Concello”.

Deja un comentario