+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Ponte Caldelas expresa á Consellería de Presidencia o seu malestar pola deficiente cobertura dos bombeiros


A Xunta de Goberno aproba unha felicitación aos irmáns Alcántara e á granxa El Kiriko pola proxección nacional e internacional do municipio
A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas aprobou hoxe unha declaración de protesta polo deficiente servizo de bombeiros que se presta a este municipio dende a base do Morrazo, situada en Bueu, con tempos de resposta superiores a unha hora, moi por enriba dos 20 minutos que a Xunta de Galicia se ten fixado como obxectivo para todo o territorio galego.
O órgano de goberno caldense acordou dirixir unha queixa formal ao titular da Consellería, Alfonso Rueda, pola tardanza na atención ao accidente de tráfico rexistrado esta semana en Forzáns, na que un vehículo acabou incendiado, “e tiveron que ser os operarios municipais, dotados cun camión bomba os que fixeran fronte a unha situación de risco, para a que carecen da cualificación e a formación necesarias”. Un incidente que non é o primeiro destas características, lembran.
A Xunta de Goberno manifesta a súa inquedanza pola afastada situación da base de Bueu, cando hai parques moito máis próximos, como é o de Pontevedra, de carácter municipal. Por estes motivos, Ponte Caldelas volve pedir á Xunta de Galicia unha reestruturación do mapa de emerxencias que serva para cubrir mellor a demanda, aproveitando todos os recursos existentes, e así contribuír a que, no futuro, non haxa que lamentar desgrazas persoais.
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou felicitar expresamente aos irmáns Thiago e Rafinha Alcántara, por ter elexido esta localidade para a celebración do seu I Campus de Fútbol, no que se deu formación a máis de 60 novos xogadores chegados de catro países. Ao tempo fíxoa extensiva á granxa El Kiriko, pola colaboración co Concello de Ponte Caldelas nesta iniciativa pioneira.
O Concello adianta o ofrecemento de continuar acollendo este evento en anos vindeiros, mantendo o mesmo réxime de colaboración que este ano, no que cedeu gratuitamente o uso das instalacións deportivas e asumiu todos os gastos de desprazamento entre a granxa, situada en Fornelos de Montes, e as instalacións do campo municipal de Chan da Barcia.
A XGL está moi satisfeita da repercusión publicitaria que para Ponte Caldelas tivo este evento, con publicacións en medios de comunicacións nacionais e internacionais, o que constituíu unha campaña publicitaria impensable para un concello do tamaño de Ponte Caldelas.

Deja un comentario