+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Mondariz abre ao público a piscina municipal


O Concello de Mondariz abriu á piscina municipal a todos os usuarios e usuarias, logo de ter realizadas todas as comprobacións de salubridade e seguridade esixidas a este tipo de instalacións.
A piscina municipal estará aberta, de luns a venres, en horario de 14 horas a 21 horas, ampliando dito horario os sábados, domingos e festivos de 11 h a 21 horas ininterrompidamente.
O Goberno local optou por manter as mesmas tarifas do pasado ano, para que o prezo non supoña un gasto excesivo para as familias. Así, os nenos e nenas de 0 a 3 anos, terán entrada gratuíta. Os rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 4 e 15 anos, aboarán 1 € de entrada, mentres que a partir dos 16 anos, o prezo será de tan só 1,5 €.
Amais, nas dúas franxas de idade de pago, haberá bonos que supoñerán un importante aforro. De 4 a 15 anos, póñense a venda bonos de 20 baños por 17 € e a partir dos 16 anos, bonos de 20 baños por 24 €.
Trátase, segundo o Goberno local de AporM, de manter unha tarifas “case que simbólicas e que permitan que calquera veciña ou veciño, poida facer uso desta instalación municipal sen que supoña un esforzo económico”.
A piscina municipal de Mondariz permanecerá aberta os meses de xullo e agosto. A instalación pon tamén, a disposición de interesados e interesadas, cursillos de natación para adultos, infantís e bebés.

Deja un comentario