+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Mondariz inicia o procedemento para a explotación do quiosco da praia fluvial do Ceo


O Concello de Mondariz vén facer públicas as bases polas que se rexerá o contrato administrativo especial de explotación do quiosco da praia fluvial do Ceo, unha instalación de 30 metros cadrados situada nun lugar de alta afluencia de público durante a época estival.
O prazo de utilización do ben de dominio público será, segundo estipulan as bases, de dous anos a partir da sinatura do contrato, susceptibles de prórroga anual expresa por dous anos máis, ata un máximo total do contrato de catro anos.
As proposicións para tomar parte na licitación, deberán presentarse en sobres pechados nos que se fará constar a lenda “Proposición para a adxudicación por procedemento aberto do quiosco da praia fluvial de O Ceo, en Mondariz” e denominados do seguinte xeito: Sobre “A”: Documentación Administrativa. Sobre “B”: Memoria dos produtos e servizos e acreditación de experiencia. Sobre “C”: Proposición económica.
As ofertas presentaranse no Concello de Mondariz, Rúa Merouces, nº 16 – 36870 – Mondariz – Pontevedra, en horario de atención ao público, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, pechándose o prazo de presentación ás 14 horas do día 3 de xullo.
As proposicións poderán presentarse, por correo, por telefax, ou por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As bases, na súa totalidade, poden ser consultadas na páxina web do Concello de Mondariz, www.concellodemontariz.gal, na sección de Perfil do Contratante / Concesións Administrativas.
A intención do Concello de Mondariz é que os usuarios e usuarias da praia do Ceo, que chegada a época estival son moi numerosos, poidan contar cunhas instalacións adecuadas ao entorno en que está enclava a praia.
Nese sentido, o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, adiantaba que o Concello construirá “unha nova edificación en madeira máis acorde co entorno que a rodea”. Amais, a instalación estará dotada dos correspondentes aseos o que redundará no servizo que se lle preste a usuarios e usuarias.

Deja un comentario