+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Ponte Caldelas prepara a II Festa Gastronómica da Emigración, que chega esta fin de semana


O Goberno local dá un matiz solidario á celebración e amplía a capacidade instalando 1.200 cadeiras na Alameda

A segunda Festa Gastronómica da Emigración chega esta fin de semana á Alameda de Ponte Caldelas con formato mellorado e co difícil obxectivo de superar, ou cando menos manter, as cifras acadadas o pasado ano coa súa estrea. O Concello está a pechar todos os detalles da organización dun evento no que haberá 12 propostas culinarias dos países relacionados coa emigración galega ao prezo único de 5 euros.
A principal novidade deste ano está na reorganización das datas, pois pásase do formato de sábado e domingo, a outro que arrinca coa cea deste venres, día 7, abrangue xantar e cea de sábado, e remata co xantar do domingo. Unha reestruturación que se produce a proposta dos propios hostaleiros e para tirar o máximo partido da fin de semana. Ademais, óptase por introducir un matiz de solidariedade a través da entrada de Cáritas.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) dá preferencia á hostalería local para ocupar os stands de comida e só en caso de que non se cubra a gastronomía dun país concreto ou por existencia de vacantes abre as portas aos establecementos de fóra. Así, a pesar de que houbo moitas solicitudes chegadas dende fóra de Ponte Caldelas, tan só se admitiu (ao igual que o ano pasado) ao mesón Porteliña (Poio), que ofrecerá un rodicio brasileiro. O resto da proposta está integrada polos locais Alalá (gastronomía venezolana), Verdugolandia (cun prato uruguaio), Klimbin (que presentará unha feixoada brasileira), O Recanto (cun “hot dog” de Estados Unidos), o Mesón Mexicano de Tourón (México) e dúas panadarías locais (Acuña e Pecas), con todo tipo de postres e empanadas, xunto cun posto de polbo á feira, representando á propia gastronomía galega. A asociación cultural de Chaín preparará callos (cociña galega) a agrupación cultural “Aires del Norte y Olé” ofrecerá pratos de xamón ibérico, con pan e viño. O enfoque solidario chega coa presenza de voluntarios de Cáritas de Ponte Caldelas que elaborarán unha paella (gastronomía española). Todos os beneficios que obteñan terán un destino social. Unha metade destinarase a proxectos e programas destinados aos inmigrantes e a outra metade será doada a Cáritas Venezuela.
Ademais do pracer gastronómico, a Festa da Emigración é tamén un evento cultural e social, que se redondea coa actuación dun grupo de batucada brasileira e polas roldas que, para amenizar as veladas nocturnas, realizarán dous grupos de mariachis.
O Concello dá por feito que se acadará a ocupación total da Alameda, como xa sucedeu o ano pasado. Sen embargo, en previsión do acaecido na estrea deste certame xa se conta coa instalación de 1.200 cadeiras (400 máis) que darán capacidade suficiente para atender a demanda.
A Festa Gastronómica da Emigración é un formato orixinal do actual Goberno municipal que arrancou coa visita dunhas 10.000 persoas en 2016 e supuxo a venda de 6.300 racións de comida representativa dos diferentes países da emigración. Ponte Caldelas rexistrou a visita de persoas chegadas non só da contorna, senón de Pontevedra e Vigo, e resultou tamén moi notoria a presenza de estranxeiros e emigrantes que aproveitaron esta fin de semana para redondear as súas vacacións.
Unha enquisa entre os establecementos de restauración participantes o ano pasado demostrou que a satisfacción foi total, pois todos superaron amplamente as súas expectativas. O impacto económico xerado foi estimado por enriba dos 50.000 euros. Ademais, quedou acreditado un importante efecto positivo sobre a totalidade da hostalería local, que resultou moi beneficiada por esta iniciativa municipal.

Deja un comentario