+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O concello de Nigrán iza as súas bandeiras azuis en Panxón, Patos e praia América


O distintivo volve a ondear en Panxón 7 anos despois tras obter un resultado “Excelente” nas análises de calidade das augas

O goberno de Nigrán izou hoxe as bandeiras azuis en Praia América, Patos e Panxón, distintivo que non ondeaba neste último areal dende o ano 2010, polo que foi o lugar elixido para o tradicional acto de subida da insignia.

O Concello acadou este ano as tres bandeiras que solicitara a ADEAC tras obter unha cualificación anual excelente na calidade das súas augas, requisito indispensable para optar a ela. O areal de Panxón non lucía esta insignia dende o ano 2010 precisamente por este motivo, xa que aínda que os resultados acadados nese tempo a certificaban como “Boa” non tiñan o nivel de “Excelente” esixido e que en 2016 si obtivo. Ademais das bandeiras azuis de Panxón, Patos e Praia América (aquí ondea dende hai 25 anos consecutivos) obtivo distintivo un ano máis o sendeiro azul do Ecosistema Dunar Praia América-Panxón. Por outra banda, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, no seu informe anual de ‘Vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia’, outorgou a categoría máxima de calidade das augas tamén a Praia América, Patos, Madorra e Area Fofa (Monteferro), un resultado histórico para o municipio.

“O resultado obtido nestas análises e na consecución das tres bandeiras azuis solicitadas ven corroborar o bo traballo feito dende o Concello e Aqualia no seu plan para acabar con tódalas verteduras protexendo o medio ambiente”, sinala o alcalde, Juan González. Neste senso, o Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, emprendeu este ano un plan inspección e reparación dos colectores de saneamento das zonas onde se detectaron verteduras de augas residuais ao mar. Estas actuacións leváronse adiante a teor do ‘V Plan de Control de Vertidos’ emitido por Augas de Galicia o 26 de setembro, informe onde se sinalaban catro puntos negros no municipio e que se emendaron. Así, había problemas nos colectores do entorno das praias de Patos, Madorra e As Canas e no esteiro de A Foz (no entorno da Alameda Aqualia asumiu obras de reparación por valor de 80.000 euros).

Ademais, o Concello de Nigrán instalou a inicios do verán aseos accesibles en Praia América, Patos, Area Fofa e Madorra e habilitou un itinerario accesible de entrada a Praia América mediante pequenas placas de formigón prefabricado e desmontable. En total, trátase dun investimento de 45.000 euros en obras enmarcadas na política de “Un Nigrán para todos” co obxectivo de garantir a total accesibilidade ás principais praias do municipio.

Deja un comentario