+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

“Pontevedra contará cunha normativa que regule os lombos, pois iso é o que demandan os veciños”


O PP iniciará de novo o proceso para que Pontevedra conte cunha Ordenanza reguladora dos dispositivos redutores de velocidade. “Lombos si, pero con sentidiño”
Os populares iniciarán de novo o proceso para que Pontevedra conte cunha Ordenanza reguladora dos dispositivos redutores de velocidade, os coñecidos como lombos. Así o anunciou este martes en rolda de prensa o portavoz municipal, Jacobo Moreira, “o arquivo do expediente por parte do BNG de Lores é o que necesitabamos para iniciar de novo todo o proceso”, afirmou o edil popular, “o Goberno local o único que está a facer é gañar tempo. Pontevedra vai contar cunha normativa que regule a instalación dos lombos, gústelle ou non a Lores, pois iso é o que queren os nosos veciños”, engadiu.
“Os pontevedreses están a reclamar senso común e nós traballamos nesta liña. Lombos si, pero cunha normativa que os regule”, recalcou Jacobo Moreira. En todo caso, o edil popular fixo fincapé “na gran mentira do Goberno do BNG” que xa no mes de decembro aseguraba que a tramitación da nova Ordenanza de lombos quedaba arquivada, “Lores mentiu a todos os veciños”.
Calumnias contra o Partido Popular.
“O BNG de Lores cando non ten argumentos, calumnia”, manifestou o portavoz dos populares despois de que os nacionalistas dixesen que PP apoiaba os danos realizados en sinais de tráfico , “esta é a táctica á que sempre recorren os nacionalistas. O fixeron co peche inxustificado da ponte de A Barca acusando aos comerciantes de ser do PP”, lembrou. “Nós rexeitamos a política de confrontación entre veciños. Traballamos por un modelo no que todos os pontevedreses se poidan sentir cómodos, sen tratar de dividir á veciñanza. Lombos si, pero con sentidiño”, puntualizou Jacobo Moreira.
Escoitar, en lugar de impoñer.
“O BNG de Lores non explica os seus proxectos aos veciños do rural, os impón”, denunciou Jacobo Moreira quen destacou que “no caso de Verducido, a instalación indiscriminada de lombos foi a gota que colmou o vaso”. Neste sentido, o portavoz popular lamentou “a covardía de Lores” pois “tivo unha oportunidade perfecta para explicarse ante os veciños en Verducido pero non deu a cara. Se Lores se achegase á parroquia podería saber que o que demandan os veciños de Verducido é saneamento. En política hai que dar a cara sempre”, apuntou Jacobo Moreira.
Reunión Asociacións e Colectivos dos Consellos Parroquiais.
Ante a desatención que amosa o Goberno de Lores polos problemas do rural, pois “nos Consellos Parroquiais acórdanse entre todos unha serie de prioridades pero despois BNG fai outras totalmente distintas”, os populares teñen convocada unha reunión con todas as asociacións que forman parte destes Consellos Parroquiais.
O encontro terá lugar o vindeiro venres, 7 de xullo, ás 20:30h. na Casa das Campas, e a esta reunión “están convidados todos os colectivos que o desexen” tal e como apuntou Jacobo Moreira. “Nós non dividimos aos veciños, vimos a sumar”, manifestou, “hai moitos problemas no rural que seguen sen resolverse e o Partido Popular seguirá escoitando a todos os veciños e ofrecéndolles a súa man para axudarlles en todo”, sentenciou.

Deja un comentario