+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva inaugura en Nigrán a exposición “Nado en Pedra”, con 17 esculturas da Escola de Cantería


A mostra, que recolle pezas relacionadas coa emigración e os oficios tradicionais, pode visitarse no paseo litoral de Praia América ata o 27 de xullo
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González e integrantes do seu goberno, e a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, inauguraron a exposición “Nado en Pedra”. A mostra, que poderá visitarse ata o 27 de xullo en Praia América, recolle unha colección de 17 pezas de gran tamaño elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería “que fala da nosa historia, da emigración e de tantos homes e mulleres que emigraron cara ao exterior”, segundo explicou a Presidenta.

Carmela Silva destacou a relevancia da exposición, na que se inclúen pezas de máis de 1.000 quilos, todas elas relacionadas con algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá. Segundo informou a Presidenta, a mostra está a ser xa “un grande evento dende o mesmo momento no que se instalaron as estatuas en Praia América, como se aprecia polas milleiras de imaxes que se están a subir a Facebook e Twitter”.

A Presidenta da Deputación eloxiou o traballo realizado pola Escola de Cantería, á que cualificou como “a mellor do mundo”, e lembrou que ex-alumnos e alumnas do centro atópanse hoxe en día realizando “obras de rehabilitación en edificios emblemáticos como o Capitolio en Washington, a Sagrada Familia de Barcelona, a Catedral de Santiago, e en todas as grandes construcións que se están a facer no mundo”.

Tamén fixo fincapé Carmela Silva na relación entre o emprazamento da mostra e a temática da mesma. Así, a Presidenta provincial lembrou que “Praia América recibe este nome precisamente polas mulleres e homes de Nigrán e do Val Miñor que emigraron cara América. Por iso non se podía elixir sitio mellor para esta exposición que, xunto aos oficios tradicionais, recolle a temática da emigración”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, manifestou que foi “doado” unirse a esta iniciativa que inclúe obras de “grande relevancia e calidade” e que se lle facilitou ao concello “de forma totalmente gratuíta”. Así mesmo, sinalou que o espazo elixido para a exposición é o mellor posible xa que “a arte debe estar situada onde están milleiros de persoas, e non pechado nun recuncho”.

Xa para rematar, a Presidenta da Deputación agradeceu ao Concello de Nigrán que se teña sumado a acoller esta mostra itinerante, que pretende “poñer en valor un dos oficios máis senlleiros da nosa provincia”, e manifestou o seu desexo de que a percorra enteira para dar a coñecer máis de preto esta profesión que “está entre nós desde que estamos postos nesta terra”.

Deja un comentario