+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O PP levará ao Pleno a opacidade de Lores cos contratos negociados


Jacobo Moreira denuncia a falta de información e lémbralle ao BNG que este mecanismo de contratación é excepcional, o habitual é un procedemento aberto a todos

Os populares levarán ao vindeiro Pleno a falta de información sobre os contratos que vén asinando o Goberno do BNG nos últimos meses. Así, a través dunha moción que presentaron este mesmo mércores, a formación que encabeza Jacobo Moreira esixe aos nacionalistas a publicación na web municipal de todos os contratos negociados con e sen publicidade, cumprindo deste xeito coa Lei de Transparencia.
“Tan só na última Xunta de Goberno Local do mes xuño formalizáronse ata tres contratos negociados sen publicidade”, denunciou hoxe o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, a reparación da zona de baño da praia fluvial, cun orzamento de 229.684,38 euros; a rehabilitación superficial do acceso de Santa Margarida a Valdecorvos, por 235.591,72 euros e a rehabilitación integral da contorna do Mato da Trepa, cun orzamento de 207.384,15 euros son só tres exemplos da política escurantista que vén practicando o BNG de Lores.
“Non podemos esquecer que o procedemento negociado sen publicidade é un mecanismo excepcional ao que poden recorrer os concellos, pero que en todo caso non se debe empregar como práctica habitual”, lembrou o edil popular quen fixo fincapé no pronunciamento realizado xa no ano 2015 pola Secretaria do Pleno a instancia do seu grupo no que sinalaba que se valore a conveniencia de publicación na web municipal, ou mesmo de emprego do procedemento aberto, especialmente cando as contía se acercan aos límites para o uso deste procedemento.
“Lores e o seu equipo desoen as recomendacións dos técnicos municipais e están a empregar este mecanismo na maioría das contratacións que levan a cabo, incluso empregando o fraccionamento de contratos para non superar o límite disposto pola Lei para empregar esta técnica”, puntualizou Jacobo Moreira, “fraccionamento de contratos que contan con reparos continuos por parte dos técnicos municipais que son levantados polo Alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores”, engadiu.
“Esiximos a máxima transparencia, pois así o establece a Lei. Os pontevedreses teñen dereito a coñecer en que inviste o Goberno local os seus cartos”, sentenciou o portavoz dos populares.

Deja un comentario