+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

Actividades de Nadal no Concello de Ponteareas


Dentro da programación do Concello de Ponteareas para este Nadal poderase gozar durante estes días de varias actividades, entre as que haberá cine infantil, actividades deportivas, contarase coa presenza do Rei Melchor e co seu seu paxe, así como a presentación de libros ou a exposición de beléns.

O martes, día 30 de decembro, os máis pequenos poderán gozar da película “ Maléfica” no Auditorio Reveriano Soutullo, ás 17:00 horas, con entrada gratuíta.

O mércores, día 31 de decembro, levarase a cabo a III Carreira San Silvestre Solidaria de Ponteareas, co-organizada polo Concello de Ponteareas e a Asociación Deportiva Tanninos Runners.

Esta carreira solidaria, organizada conxuntamente polo Concello de Ponteareas e “Taninos Runners”, consistirá nunha proba non competitiva e solidaria cun percorrido polo centro urbano, de 5 Km, e na que poderán participar todos aqueles que o desexen, e previamente inscritos, desde os oito anos en diante. Este ano conta coa novidade da celebración da San Silvestre Solidaria Infantil que contará con dúas categorías: unha para nenos e nenas de 8, 9 e 10 anos (nados nos anos 2004, 2005 e 2006), cun percorrido dunha volta ás dúas prazas de Ponteareas, saíndo ás 16:45 horas e, outra, para rapaces e rapazas con 11, 12 e 13 anos (nados nos anos 2001, 2002 e 2003), cun percorrido de dúas voltas ás dúas prazas de Ponteareas, coa saída ás 17:00 horas. O resto dos participantes tomarán a saída ás 17:30 horas. Aqueles que o desexen poderán facer unha achega voluntaria de comida non perecedoira a favor do Centro de Reparto de Alimentos do Concello de Ponteareas.

Así mesmo, ata o día 6 de xaneiro pódese contemplar a Exposición de Beléns situada no antigo centro Comercial Tea, na rúa da Esperanza, organizada pola Asociación Comercial Tea en colaboración co Concello de Ponteareas, e que está tendo un gran éxito de afluencia de público interesado nestas recreacións dos tradicionais beléns.

O venres, día 2 de xaneiro, os máis pequenos poderán gozar da proxección da película infantil “Las aventuras de Peabody y Sherman” no Auditorio Reveriano Soutullo, ás 17:00 horas, con entrada gratuíta.

O Rei Melchor repartirá caramelos a todos os nenos que se acheguen ata a casa do concello, desde as 16:30 ata as 20:00 horas, onde estará acompañado do seu paxe, que percorrerá en bici as rúas máis céntricas do casco urbano.

Presentación do libro do escritor Manrique Fernández Vázquez, titulado “Crónicas de Embora”. A presentación contará coa presenza do concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, e da escritora Isabel Blanco Rivas, na sala de usos múltiples da Biblioteca Pública Municipal, o venres, día 2 de xaneiro, ás 20:30 horas. O periodista e escritor lucense, afincado en Ponteareas, leva publicado varios libros entre os que se poden citar a biografía autorizada de Rogelio Groba “Meditacións en branco e negro”, así como un libro de conversacións co compositor “Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba”. Da súa colaboración tamén naceron dúas óperas “Floralba” e “Pedro Madruga. O Noso Rei”, unha ópera infantil (a adaptación do conto de Charles Perrault “O gato con botas”), unha cantata (“Corpus en Ponteareas”), un réquiem (“Samaín. Réquiem galego”), un ciclo para banda (“Os Muíños do Rosal”), e dúas cancións (“No meu colo” e “Panxoliña do porvir”), todas elas musicadas polo mestre Groba sobre textos de Manrique Fernández. Ademais publicou o libro “Floralba”, que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou en “Ponteareas máxica. Mitos, ritos e lendas”, no que se recopilan varias lendas da zona relatadas en verso. Leva publicado asiduamente na revista “Pregón”, editada polo Concello de Ponteareas así como noutras revistas. Acadou o primeiro premio no XVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López na categoría de Narrativa co conto “Mar maior”.

Deja un comentario