+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O concello de Nigrán aposta pola xestión sostible dos residuos entregando 50 novos composteiros e instalando un aula móbil sobre reciclaxe


Os aparatos serán entregados mañá aos veciños que o solicitaron seguindo rigurosamente a orde de inscrición. Súmanse aos 30 que o Concello deu en marzo, repartindo gratuitamente un total de 80

O Concello de Nigrán, na súa aposta pola xestión sostible dos residuos, entregará mañá medio cento de novos composteiros aos veciños que previamente os solicitaron. Estes aparatos se suman aos 30 que o Concello xa repartiu tamén de xeito gratuíto no mes de marzo. “Apostamos pola compostaxe doméstica porque, dadas as características do municipio, á xente resúltalle máis práctico autoxestionarse porque dispoñen de pequenas hortas ou fincas nas que poder reutilizar en xeito de compost os desperdicios que xenera a familia”, explica Diego García, edil de Medio Ambiente.
A entrega de composteiros será este xoves ás 20.00 horas no salón de plenos, onde se realizará un mini curso de compostaxe explicando aos asistentes o procedemento e resolvendo as dúbidas. A entrada é aberta a todo o interesado no tema e tamén para aquel que queira anotarse na lista de agarda para unha terceira remesa de composteiros.
Paralelamente e tamén mañá xoves, de 15.00 a 19.00 horas en Praia América, chega a campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” co obxectivo de seguir informando e formando a veciños e turistas nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos. Haberá un inchable para nenos e a través dun aula móbil, educadores especializados na materia amosarán as claves para reducir a produción de refugallos en orixe, para posibilitar un consumo responsable, para maximizar o aproveitamento dos produtos a través da reutilización e para separalos convenientemente, unha vez convertidos en residuos, de cara a garantir o seu posterior reciclado. Neste sentido, e debido á confusión existente en torno aos recipientes de destino de determinados materiais, clarificaranse os que deben e non deben ser depositados en cada un deles: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca papeis e cartóns sucios e con restos de graxa, debendo ser retirados previamente elementos accesorios tales como anelas, arames e grapas); iglú verde, para envases de vidro (botellas, frascos e tarros sen tapas, tapóns ou cortizas); recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxeticamente, con todas as garantías medioambientais, no seu complexo industrial de Cerceda (A Coruña).

Deja un comentario