+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

O Ministerio de Facenda aproba o manual de selección de operacións do concello de Lalín para a posta en marcha da Estratexia DUSI


Os traballos incluídos no Lalín SSUMA 21 poderán empezar a executarse unha vez entren en vigor os orzamentos municipais e conclúa o proceso para a selección dun administrativo

 

O Ministerio de Facenda vén de comunicar a aprobación definitiva do Manual de Selección de Operacións para a posta en marcha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI). Mediante este programa o Concello de Lalín recibirá nos vindeiros anos 5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos FEDER, aos que se suma unha achega de fondos propios de 1,25 millóns de euros ata acadar un total de 6,25 millóns para investimentos. Coa aprobación do Manual de Selección de Operacións dáse cumprimento a un dos últimos trámites administrativos para poder empezar os traballos de execución do proxecto Lalín SSUMA21, que se poderán iniciar de maneira definitiva unha vez entren en vigor os orzamentos municipais para este ano 2017 e unha vez conclúa o proceso selectivo para a contratación do administrativo DUSI.

O Manual de Selección de Operacións é o documento que define os parámetros obxectivos a través dos que se van priorizar as distintas solicitudes de financiamento que se presenten. Os criterios para a selección das diferentes operacións son específicos para cada unha das liñas de actuación e deberán ser coherentes coa estratexia á cal están vinculados. Así, este documento explica e describe detalladamente, entre outras cuestións, o organigrama de xestión dos fondos, ou define o comité de dirección da estratexia, que está presidido polo alcalde e conformado polo tenente de alcalde, a concelleira de Facenda, a secretaría xeral e a intervención municipal. Tamén recolle a creación da comisión antifraude, neste caso formada polo alcalde, o tenente de alcalde, a concelleira de Facenda, a secretaría xeral, a intervención municipal, o asesor xurídico e a técnica de contratación.

Precisamente, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo asistiu hoxe en Madrid a unha xornada se lles explicou ás localidades seleccionadas na primeira convocatoria da EDUSI o proceso a seguir para as altas das diferentes operacións. Nicolás González Casares explica que “se trata dun proceso moi minucioso e exhaustivo e que, en consecuencia, precisa dun gran esforzo por parte de políticos e empregados municipais”. Neste sentido, o concelleiro lembra que “estes fondos teñen liñas previstas e finalistas, ademais dun cronograma que cumprir”, poñendo de relevo “a importancia de cumprir dende o punto de vista técnico todos os requirimentos que permitan irlle dando forma aos proxectos que completan a estratexia”.

Por iso, González Casares sinala “a importancia de contar con este manual, que explica o modo no que se van xestionar as actuacións contempladas no proxecto Lalín SSUMA21”. Ao mesmo tempo, resalta que foi preciso realizar unha autoavaliación do fraude, aspecto que tamén recolle o manual, co obxectivo de ter planificadas medidas antifraude concretas sobre todo en aspectos relativos a conflitos de interese que se poidan dar a partir da execución dos fondos EDUSI. Nesta mesma liña destaca a creación dun buzón antifraude, tanto interno como externo, onde se recollerá calquera dúbida sobre as actuacións a desenvolver.

A vindeira semana tamén se celebrará un taller sobre as propostas e recomendacións para a asistencia técnica ás estratexias DUSI que reciben apoio do eixe urbano do FEDER. Neste caso, o obxectivo é promover unha reflexión colectiva colectiva e un intercambio de ideas entre os actores implicados no DUSI e, en particular, entre as diferentes cidades e localidades de cara ao deseño dunha proposta de asistencia técnica á implementación das EDUSI.

De xeito paralelo a estes encontros, o Concello de Lalín ten agora mesmo en marcha un expediente para a contratación dun administrativo por un prazo de 3 anos que terá como finalidade a xestión administrativa da estratexia Lalín SSUMA 21. O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, explica a este respecto que, do total da execución dos fondos da estratexia, o Concello debe destinar obrigatoriamente, tal e como establecen as bases destas axudas, un 4 por cento para gastos administrativos e de xestión de funcionamento, sendo este montante total de 250.000 euros. A previsión do Concello é usar este orzamento en accións de contratación de apoio e asesoramento “co obxectivo de garantir unha boa execución do proxecto Lalín Ssuma 21”.

Así, a previsión de gasto administrativo repartirase entre contratación dunha asesoría técnica para apoio e formación do denominado Organismo Intermedio Lixeiro (150.000 euros) e entre a contratación dun administrativo (funcionario interino) durante 3 anos e cun custo aproximado de 84.000 euros. Outros 16.000 destinaranse a gratificacións, dietas e desprazamentos deste persoal.

Deja un comentario