+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

Desestimado o recurso de aseja contra o prego de contratación do servizo de mantemento de parques e xardíns


O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales dálle a razón Concello de Lalín e levanta a paralización provisional do procedemento de contratación

 

O Tribunal Administrativo Central de recursos Contractuales -dependente do Ministerio de Facenda- vén de darlle a razón ao Concello de Lalín na alegación presentada pola Asociación Española de Empresas de Parques y Jardines (ASEJA) contra o prego de contratación do servizo de mantemento das zonas verdes do municipio. Na súa argumentación, o Tribunal considera que o prezo de licitación do contrato se axusta á normativa vixente e ao prezo real de mercado, fronte á posición de ASEJA que consideraba que ese prezo era demasiado baixo. Ademais, a resolución tamén ratifica que o prego de contratación e a súa tramitación conta cos suficientes apoios legais e económicos.

Partindo desta base, o Tribunal non só decide desestimar o recurso de ASEJA, senón que tamén decide levantar a paralización provisional do procedemento de contratación, o que permitirá que o Concello poida continuar cos trámites pertinentes para adxudicar o contrato para o servizo de mantemento de parques e xardíns. Esta suspensión cautelar estaba en vigor dende finais do pasado mes de abril e coincidiu coa finalización do período de vixencia do anterior contrato, o que ocasionou graves prexuízos á veciñanza de Lalín no coidado das zonas verdes do municipio. O Concello, que xa tiña previsto culminar o proceso administrativo en maio, retoma agora o procedemento para tratar de adxudicar o novo contrato no menor prazo de tempo posible e dar resposta ás necesidades de acondicionamento dos parques e xardíns canto antes.

O alcalde de Lalín amosou esta mañá a súa “enorme satisfacción” pola resolución do Tribunal Administrativo Central contra un recurso que, dende o punto de vista legal, “non parecía sustentarse por ningún lado, tal e como finalmente se demostrou cun ditame que ratifica a actuación impecable realizada dende o Concello e pola que felicito persoalmente á concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso”. Ao mesmo tempo, Rafael Cuíña lamenta que a alegación da Asociación Española de Empresas de Parques y Jardines dilatase un procedemento que estaba previsto concluír en tempo e forma, polo que “semella que a súa única intención era retrasar de maneira irresponsable a súa adxudicación por intereses estritamente particulares”. Nesta liña, o rexedor lembra que “foron as mesmas grandes empresas que propiciaron a baixada dos prezos nos últimos anos as que se queixaban dunha situación da que elas son as únicas culpables”.

O Goberno Municipal aprobou o pasado 20 de marzo o prego de contratación, tras levar traballando na súa elaboración dende o mes de novembro e unha vez se dispuxo de todos os informes técnicos favorables. Entre eles encontrábanse os pertinentes informes económicos, tanto da Intervención municipal como do Servizo de asistencia Intermunicipal (SAIM) da Deputación de Pontevedra, nos que se ratificaba que o prezo de licitación se axustaba escrupulosamente á legalidade e ás cláusulas técnicas do contrato.

O Concello está limitado por lei á hora de incrementar o prezo de adxudicación, xa que este debe cinguirse ao prezo da anterior contratación e xa que a normativa indica que para o cálculo do valor estimado do contrato se tomará como base o valor real dos contratos sucesivos similares adxudicados durante o exercicio precedente ou durante os doce meses previos. Esa cantidade só se pode axustar, cando sexa posible, en función dos cambios de cantidade ou valor previsto para os doce meses posteriores ao contrato inicial.

Desta maneira, o servizo foi licitado no período 2016-2017 por un importe de 117.272 euros e adxudicado en preto de 95 mil euros. Tomando como base estas cifras e as ampliacións que se contemplan no actual prego, a cifra de licitación para ese contrato calculouse en 127.212 euros, é dicir, máis de 30 mil euros por enriba da cantidade pola que se adxudicou o anterior contrato.

Deja un comentario