+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

Ponte Caldelas acolle o II Torneo Mixto de fútbol 7 reforzando a súa aposta pola igualdade no deporte


Unha ducia de equipos participarán nun evento que naceu para combater os estereotipos masculinos e apoiar ao equipo feminino local

Ponte Caldelas celebrará este sábado, día 8, a segunda edición do seu Torneo Mixto de Fútbol 7. Un evento singular, pois non existe constancia da existencia doutro evento de fútbol mixto entre adultos en Galicia.
A cita é no campo municipal de Chan da Barcia e, ao coincidir coa Festa Gastronómica da Emigración, que atraerá a Ponte Caldelas a milleiros de visitantes agárdase unha importante afluencia. O torneo ten como obxectivo recadar fondos e promocionar ao equipo feminino da Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas, que comezou a competir o pasado ano coa súa estrea na Segunda División Rexional.
A actividade está patrocinada polo Concello de Ponte Caldelas, que tamén fixo posible a creación do equipo feminino incrementando a subvención anual ao club. Desenvolverase en xornada de mañá e tarde para rematar, xa preto da noite coa entrega de trofeos.
Un total de 12 equipos da bisbarra, incluíndo tamén equipos de Pontevedra, Soutomaior e outras zonas da provincia, participarán nesta festa da igualdade no deporte rei. Ponte Caldelas achegará nas distintas formacións que presente ás propias xogadoras da SCD, que, ao mesmo tempo, colaboran na organización xunto coa directiva do club.
Este ano a aposta pola integración da muller é total, posto que as bases esixen que as alineacións estean formadas por tres xogadoras e tres xogadores, mentres que o sexo do porteiro é libre. Deste xeito acentúase o carácter mixto, posto que o ano pasado bastaba con manter dúas xogadoras sobre o campo.
O club contempla ao equipo feminino como un proxecto a longo prazo. En primeiro lugar quere consolidalo e, a continuación, ir reforzando a estrutura para, na medida do posible, ascender e ocupar un espazo preferente no panorama futbolístico galego. A intención é que as rapazas se anoten nas categorías de base da SCD Ponte Caldelas, dentro da Escola Municipal de Fùtbol, e, a partir dos 14 anos, se integren no equipo sénior.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que o Concello apoiou o nacemento do equipo feminino e incrementará o seu apoio en anos vindeiros en sintonía coas necesidades que vaia demandando o proxecto. O Concello, gobernado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, fai un esforzo importante por manter a Escola Municipal de Fútbol, na que hai preto de 300 rapaces e era necesario que dese esforzo se puideran beneficiar os dous sexos, nun exercizo de transversalidade e igualdade de xénero. O fútbol, destaca o alcalde, é unha faceta máis da vida e as institucións temos a obriga de traballar na eliminación de estereotipos e roles masculinizantes e discriminatorios.

Deja un comentario