+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Jacobo Moreira lamenta que Lores tamén lle dea as costas aos veciños de Lepanto


Os populares esixen ao BNG que abandone a súa arrogancia e escoite aos veciños desta rúa que en varias ocasións xa solicitaron ser recibidos polo Goberno local

O portavoz popular, Jacobo Moreira, lamenta que Lores tamén lle dea as costas aos veciños de Lepanto, “unha actitude déspota e autoritaria”. Afirmación que realizou este xoves ao remate da reunión que mantivo con representantes veciñais desta rúa do centro de Pontevedra para escoitar de primeira man as súas demandas.
“Levamos dende o pasado mes de marzo tratando este asunto en cada un dos Plenos municipais. A resposta do Alcalde sempre é tomo nota, pero non fai nada por remediar os problemas destes veciños. Unha actitude arrogante que en ningún caso merecen uns veciños que están en todo o seu dereito de reclamar melloras para a súa rúa”, manifestou o edil popular quen puido volver a comprobar o mal estado no que se atopan as beirarrúas e os problemas que ocasiona o seu reducido tamaño.
“O que ten que facer o Alcalde é escoitar a estes veciños que en máis dunha ocasión solicitaron ser recibidos no Concello”, apuntou Jacobo Moreira, “estamos a comprobar que Lores non só desoe as peticións dos veciños do rural, tampouco quere escoitar aos veciños do centro urbano”, engadiu.
O portavoz popular trasladoulles aos representantes dos veciños da rúa Lepanto “todo o meu apoio e o do Partido Popular” porque “non se pode entender cunha rúa como esta, en pleno centro da cidade, non reciba o mesmo tratamento que as rúas contiguas”.
“Lores debería cambiar o seu despotismo e sentarse a falar e sobre todo a escoitar aos veciños. Esa é a súa obriga”, insistiu Jacobo Moreira, quen empraza ao Goberno do BNG a cambiar a súa conduta arrogante, “en política se debe atender a todos, compartamos ou non a súa opinión. Os veciños de Pontevedra teñen dereito a ser escoitados”, sentenciou o portavoz dos populares.

Deja un comentario