+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

O concello de Lalín asina un convenio de colaboración cultural con Afundación e Abanca


A iniciativa recolle o proxecto expositivo «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia», que se poderá visitar do 8 de setembro ao 6 de outubro no Museo Ramón María Aller

O Concello de Lalín vén de asinar esta mañá un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia». Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuiña Aparicio; o director de zona do Deza de ABANCA, José Manuel Ruibal Suárez; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, foron os encargados de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades. Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse entre o 8 de setembro e o 6 de outubro no Museo Ramón María Aller da vila.

A mostra «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia»
A mostra presenta setenta imaxes que constitúen un completo relato documental dunha época de transición, debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926—.

No ano 1924 desembarcou no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, e por un completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana. Logo das oportunas explicacións para gravar os impostos de entrada, pai e filla iniciaron unha expedición de, aproximadamente, un ano para documentar a esencia de Galicia que procuraba Archer Milton Huntington, reflectindo o traballo de campo etnográfico e o académico, de modo que se amosase unha visión do estudo da cultura hispánica en todas as súas facetas. Para este propósito, Huntington recorreu á Clarence H. White School de fotografía na busca de profesionais que retratasen a España dos anos vinte, con dúas condicións en mente. A primeira, terían que ser mulleres, e a segunda, de relixión cristiá. Consonte o explicado polo conservador de The Hispanic Society of America, Patrick Lenaghan, este último condicionante podería responder, quizais, á «moral conservadora da época». Deste xeito, no ano 1921 Ruth Matilda Anderson foi contratada como fotógrafa investigadora na Hispanic Society e en 1924 partiu para España no primeiro encargo de Huntington. Acompañada polo seu pai, percorreu Galicia, aprendeu as linguas, castelá e galega, e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.

Consonte o programa estratéxico da Área de Cultura de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo, decidiuse impulsar a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das sedes da entidade e trasladala ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades de Afundación. A colaboración de ABANCA, institución que comparte esta premisa dinamizadora do coñecemento, posibilitou que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia. O seu traballo asentou a metodoloxía investigadora que habería de adoptar The Hispanic Society of America, que, na actualidade, expón unha escolma dos seus fondos no Museo Nacional do Prado.

O catálogo da exposición: as imaxes e os cadernos de viaxe de Ruth Matilda Anderson
Esta exposición vén acompañada da reedición do catálogo «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» que, como sinala Miguel Ángel Escotet, «desde a publicación do libro en 2009, foron moitas as persoas e institucións interesadas nesta obra, que esgotou dúas tiraxes de imprenta sucesivas. […] A demanda do público mantívose constante, por iso, para satisfacela, emprendemos esta nova edición en colaboración con The Hispanic Society of America».

Articulado por máis de catrocentas cincuenta imaxes de Galicia, este libro constitúe un testemuño dun tempo xa desaparecido. Recolle, ademais, un completo corpus textual integrado polas anotacións da propia Ruth Matilda Anderson, un texto que ela concibira como un bosquexo para o libro que habería de publicar sobre Galicia e as cartas, diarios e anotacións do seu pai. Todos estes testemuños, que se presentan tanto na súa versión orixinal en inglés, como en traducións en galego e castelán, son un relato de primeira man da realidade, especialmente rural, da Galicia dos anos vinte.

Esta publicación está xa á venda en calquera dos puntos habilitados nas sedes de Afundación como na súa páxina web, na tenda online de Afundación.

Deja un comentario