+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Jacobo Moreira escoita as demandas dos veciños do rural


Ante a situación que se está a vivir en algúns Consellos Parroquiais, crispados en moitos casos polas imposicións do BNG de Lores, os populares convocaron unha reunión aberta coa que poder canalizar as necesidades do rural

Ante a situación que se está a vivir en algúns Consellos Parroquiais do noso municipio, crispados en moitos casos polas imposicións do BNG de Lores, a formación que encabeza Jacobo Moreira convocou este venres unha reunión aberta cos representantes das distintas asociacións e colectivos que forman parte deles para poder coñecer de primeira man as súas opinións e tratar así de canalizar as súas demandas.
“O noso obxectivo é escoitar aos veciños do rural, atopar puntos comúns que permitan canalizar todas as necesidades que ao longo destes anos veñen demandando”, manifestou Jacobo Moreira, “non vimos a dividir á veciñanza, vimos a escoitalos e a darlles voz porque para o Partido Popular o rural si é unha prioridade”.
Nos últimos meses, os populares están a recibir numerosas queixas pola forma de actuar do Goberno do BNG, que “en lugar de expoñer e dialogar cos veciños, impón as súas medidas”, destacou o portavoz popular quen lamenta que “Lores dea as costas aos veciños do rural contrarios as súas políticas”.
“Convocamos esta reunión para escoitar a todos, nos guste ou non as súas opinións, pois todos os veciños están no seu dereito de expresarse libremente”, sinalou o portavoz dos populares, “sabemos que hai Consellos Parroquiais que funcionan ben, pero outros convertéronse nun auténtico desastre, incluso nalgunhas parroquias xa non se celebran e noutras o BNG de Lores directamente se salta os acordos acadados e impoñen as súas decisións”, puntualizou o edil popular.
Os populares lembran que na maioría das parroquias de Pontevedra o saneamento segue a ser a necesidade máis urxente, un servizo básico que, tras 18 anos de goberno, Lores debería ter xa solucionado. Camiños sen asfaltar ou cunha pavimentación en estado lamentable, maleza, ausencia de beirarrúas ou escasa iluminación, son outros dos problemas que reclaman os veciños do rural.
Antes de ofrecer a palabra aos asistentes, Jacobo Moreira lembrou que “o lóxico sería que, antes de tomar decisións que afectarán a numerosos pontevedreses, o Goberno debería achegarse aos veciños, expoñer as súas intencións e, unha vez consensuado con eles, actuar. Aquí se está a facer todo ao revés”, puntualizou, “imos canalizar todas as reclamacións co obxectivo de que dunha vez por todas o BNG de Lores atenda as peticións dos veciños de Pontevedra e deixe de mirar cara outro lado”.
Dispositivos redutores de velocidade, lombos.
Coñecedores da problemática xurdida a partir da instalación indiscriminada de dispositivos redutores de velocidade nas parroquias, o portavoz popular aclarou que “esta reunión non versará sobre este asunto” senón “polos problemas ocasionados a raíz das imposicións do BNG de Lores dentro dos Consellos Parroquiais”. “A situación da normativa para a regulación dos lombos, así como as denuncias levadas a cabo por distintas plataformas veciñais debemos traballalas de xeito paralelo, pero non mesturalas cos problemas dos Consellos Parroquiais que tratamos hoxe”, sentenciou Jacobo Moreira.

Deja un comentario