+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

Bueu acolle unha Festa do Carme con alfombras florais internacionais e un espectáculo mellorado de pirotecnia


Os festexos celebraranse do 14 ao 16 de xullo, e inclúe moita festa e a participación de diversas delegacións de alfombristas, entre elas a localidade siciliana de Noto
Bueu será escenario a vindeira semana das Festas do Carme, unha das maiores celebracións da vila e que acolle moitos actos na honra da patroa dos mariñeiros. A tan só unha semana do arranque, hoxe o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do evento, no que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Carmen Santos, presidenta da Asociación Cultural das Alfombras e Darío Campos, da Asociación Bueu en Festas, ademais de diversos membros destas entidades aos que o rexedor quixo agradecer persoalmente o traballo que están levando a cabo para a realización deste evento.
O programa de festexos comezará o venres, 14 de xullo, ás 12 horas cunha tirada de fogos e pola noite a verbena estará amenizada polas orquestras Israel e Solara. Xa o sábado será o Día dos Dolores, e ás 10 da mañá está previsto un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa. Ás 12.30 horas será a celebración relixiosa na honra da virxe, cantada pola Coral Polifónica Acordes de Bueu e seguida de procesión. E pola noite, gran verbena coas orquestras Canela e Nebraska.
Xa ese mesmo día, pola noite as delegacións de alfombristas internacionais estarán na contorna da lonxa elaborando diversos tapices florais que terán como leitmotiv o mar. Segundo destacou Carmen Santos, “é importante este encontro xa que nos dá visibilidade a todo o que facemos en Bueu” e por iso delegacións de Noto (Sicilia), Castropol (Asturias), Cataluña, Rianxo e Cangas acompañarán aos alfombristas de Bueu nesta festa. A eles está previsto que os membros da corporación de Bueu lles faga unha recepción oficial o mesmo domingo ás 11 horas no salón de plenos.
O plan previsto é que as alfombras poidan estar culminadas no mediodía do domingo, e así dar paso aos actos do día central da festa e un dos máis agardados polos veciños e veciñas da vila morracense. A programación festiva dese día arranca ás 10 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e de Retrouso de Cela, dando paso ás 12.30 horas á misa cantada pola Coral Acordes.
Xa ás 18 horas, celebrarase a misa solemne na lonxa cantada pola Coral Marusía, e seguida de procesión e baila na honra da virxe, e procesión marítima con ofrenda floral polos mariñeiros falecidos.
Á noite, a verbena estará amenizada pola orquestra Trébol, e ás doce da noite terá lugar unha gran tirada de fogos de artificio, que terán unha duración de máis de quince minutos. Segundo destacou o alcalde, “este ano decidimos mellorar o espectáculo pirotécnico pois cremos que é un atractivo máis da festa para a cidadanía”, motivo polo cal dende o Concello se están tramitando as pertinentes autorizacións ante Portos de Galicia e a Subdelegación do Goberno para que os fogos poidan encher de cor a praia da Banda do Río coas mellores garantías.

Deja un comentario