+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación aproba en Xunta de Goberno a mellora da estrada de Chaín-Morgadáns en Gondomar


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a vindeira semana iniciarase a contratación dos traballos, polo que as obras poderán comezar despois do verán

Os técnicos provinciais traballan tamén na reordenación da contorna do CEIP Neira Vilas para garantir a seguranza viaria dos escolares

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe o proxecto de mellora da estrada de Chaín-Morgadáns en Gondomar, cun investimento de máis de 400.000. O responsable de estradas provinciais indicou que a vindeira semana os traballos pasarán a contratación, polo que as obras poderán comezar despois do verán.

A mellora da estrada foi anunciada nunha visita de Benítez ao concello de Gondomar o pasado mes de xuño, cando o proxecto xa estaba en fase de finalización. Agora será preciso anunciar formalmente a licitación e habilitar o prazo de presentación de ofertas por parte das construtoras, que será de 26 días hábiles. Unha vez se recepcionen as propostas serán avaliadas polos técnicos, asinarase o contrato e poderase iniciar os traballos.

A actuación na EP-2302, prevista xa dende hai meses, consiste principalmente nunha rehabilitación estrutural do firme -que está bastante deteriorado- co fin de mellorar a seguranza viaria da estrada. Así, fresaranse os 3,25 quilómetros de lonxitude da vía para despois aplicar unha nova capa de rodadura. Como complemento, tamén se instalarán medidas de calmado do tráfico: seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como ‘lombos’) e nova sinalización horizontal e vertical.

Estas obras, subliñou Benítez, non estaban previstas no convenio asinado entre o anterior goberno provincial e o concello polo que se realizaron as últimas obras na vía. Nese documento só se recollía a construción dunha senda peonil –da que quedaron sen facer máis de 600 metros por falta de terreos- e que non cumpre os criterios e características para os itinerarios peonís da nova Deputación.

Actuación no contorno do colexio
A maiores da actuación en Chaín-Morgadáns, o departamento dirixido por Benítez tamén está a traballar na reformulación e acondicionamento do contorno do CEIP Neira Vilas, que coincide nun treito coa EP-2301 (Gondomar e Peiteiros) co fin de calmar o tráfico e mellorar tamén a seguranza viaria dos escolares.

Nas inmediacións do centro educativo xa existe na actualidade un paso de peón sobreelevado, pero non é suficiente para garantir unha convivencia segura entre os rapaces e rapazas e o tránsito rodado. Así, o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación, que está en fase de redacción, incluirá novos elementos de calmado de tráfico: catro redutores de velocidade que se ubicarán nas curvas anterior e posterior á recta na que está o colexio.

Así mesmo, segundo indicou Benítez, habilitarase un espazo propio para que os nenos e nenas que utilizan o transporte escolar poidan subir e baixar do bus fóra do ámbito da estrada provincial. Para realizar esta mellora e acondicionar unha nova área para a parada dos buses estase traballando na consecución dunha parcela anexa ao colexio que pertence á comunidade de montes.

Deja un comentario