+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O PP solicita a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento da Obra de Asfaltado da estrada Canedo para o seu ditame final


O PP detectou moitas irregularidades cometidas de maneira consciente polo goberno local (BNG, PSOE e Riada do Tea) na tramitación do expediente “Mellora da Seguridade Viaria en Canedo”

 

Na documentación de contratación e execución da obra de asfaltado da estrada de Canedo, di González Solla, detectamos certas anomalías, polo que solicitamos ao Alcalde, Xosé Represas, acceso a dita documentación e como nos vai tendo acostumados, foinos enredando negándonos copia da documentación, ata que tivemos que solicitar ao Pleno da Corporación a creación dunha Comisión de Seguimento da tramitación desta obra. Así que, despois de analizar con detalle toda a documentación que obra no expediente de asfaltado da estrada de Canedo, executada polo Concello a finais do 2016 e con cargo ao Plan Concellos 2016, detectamos as seguintes irregularidades constatadas documentalmente:

1º.- Que se incumpre en canto ás autorizacións sectoriais necesarias, ausencia das mesmas. Adxudicaron e certificaron a obra sen contar previamente coas correspondentes autorizacións vinculantes.

2º.- Existencia dunha clara e manifesta falsificación documental en referencia ao recollido na “Acta de Comprobación e Replanteo” e no posterior “Informe das diverxencias da cartografía” asinadas ambas polo Director de Obra, quedando reflectida unha clara contradición.

3º.- Tratan de xustificar un proxecto reformado cando en realidade este non o é, xa que este é un proxecto completamente distinto, onde se modifica máis do 90% do mesmo.

4º.- Certificacións de obra:

Primeiro: Certifican unidades de obra que o propio Director de obra di anteriormente no seu informe que non se poden facer e posteriormente a propia XGL dálle validez.

Segundo: Na primeira certificación, xustifican que botan dúas capas de aglomerado de 5 cm. cada unha e despois na segunda e última certificación, certifican que só botan unha única de 6 cm. Certificacións ambas, por certo, aprobadas pola XGL..

5º.- Segue sen existir un informe da Secretaria Municipal sobre a legalidade de toda a tramitación de obra deste expediente.

6º.- O informe do técnico do Servizo de Cooperación Provincial é un informe extemporáneo, feito á medida e que non se axusta á legalidade.

7º.- Recíbese unha obra antes de ser supervisada e aprobado o chamado proxecto reformado polo Concello nin pola propia Deputación Provincial.

8º.- Por último, en referencia ao escrito de notificación enviado pola Concelleira de Vías e Obras ao Director de Obra que obra no expediente, dicir que ademais de que a propia Concelleira recoñece no mesmo a irregularidade dos feitos, esta trata, con esta notificación, de emendar todas as irregularidades cometidas para evitar as súas responsabilidades

Por todas estas irregularidades aquí expostas, dende este GM do PP queremos que ademais de que se inclúan no ditame final tamén esixiremos que o goberno asuma as súas responsabilidades políticas.

Deja un comentario