+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

Bueu celebra a maioría de idade da Festa do Polbo coa que será a ‘edición máis especial’


O pregoeiro será David Novas, recoñecido actor da vila que ten participado en series como Serramoura ou Vidago Palace e que será profeta na súa terra o sábado ás 12.00 horas

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 11 ao 13 de agosto a décimo oitava edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar máis dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. Así o destacaron na rolda de prensa celebrada esta mañá no Museo Massó, e na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Raquel Parada, representante do restaurante O Rincón de Cela, Pilar Otero, xerente da distribuidora Rosa de Los Vientos, e David Novas, o pregoeiro.

Silvia Carballo destacou que se trata dunha festa que “non só é gastronómica, senón que tamén ten un cariz de promoción do produto da nosa ría”. Por iso, e co obxectivo de que o polbo certificado coa marca PescadeRías sexa valorizado, organizarase o xoves 10 de agosto unha visita á Praza de Abastos de Bueu, na que os asistentes terán a posibilidade de aprender sobre a pesca e a venda deste produto, así como das diversas formas de cociñalo. Para esta actividade contarase coa colaboración de PescadeRías e do restaurante O Rincón de Cela.

A festa arrancará o 11 de agosto ás 19.30, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas. As variedades, que se darán a coñecer a vindeira semana, terán un custe de 5.00 € e de 8.50 €, segundo a ración. Tal e como explicaron os presentes, a ración que antes custaba 7.50 € increméntase un pouco de prezo, dado que a campaña de polbo deste ano foi menor e a captura de produto reduciuse considerablemente.

A que será a festa máis especial e emotiva, inclúe a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira o sábado, seguida do pregón a cargo de David Novas, modelo e actos nado en Bueu e que ten participado en series tan recoñecidas como Serramoura ou Vidago Palace, ademais de ser da canteira do grupo de teatro do IES Johán Carballeira coñecido como Comediantes Anónimos. Durante a súa intervención, o actor mostrou o seu agradecemento por esta oportunidade e declarou que “cando o talento é loado fóra, que mellor que te recoñezan na casa”. Así mesmo, e como bo bueués, David Novas convidará ás súas amizades madrileñas a vir gozar do polbo.

Félix Juncal, alcalde da vila, asegurou que, “esta edición será a máis especial, xa que se fusionará comida, espectáculo e divertimento”, e que se trata dun evento moi consolidado que xa está no imaxinario colectivo.

Actuación de Pelepau

Dado que o ano pasado se contou co grupo Treixadura e resultou unha experiencia complementaria moi interesante para este evento, desta volta será a quenda de Pelepau, un grupo vigués conformado por doce percusionistas todos eles mestres en escolas e agrupacións de música tradicional de recoñecido prestixio nacional.

A actuación terá lugar o domingo, 13 de agosto, ás 19.30 horas, na mesma carpa do Campo da Estacada.

Deja un comentario