+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

O Conselleiro de Sanidade e o alcalde Jorge Canda entregan unha placa, un reloxo e un pin a Luís Miguel Fonte Martin con motivo da súa xubilación como médico da Lama


Unhas 150 persoas agradeceron nun “Xantar” celebrado no Pavillón de Deportes os seus 34 anos de dedicación aos veciños e veciñas da Lama

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e o alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, hiceron entrega dunha placa conmemorativa, un reloxo e un pin de honra do Concello da Lama a Luís Miguel Fonte Martín con motivo da súa xubilación como médico tras 34 anos de exercicio continuado no Centro de Saúde do municipio.

O acto de homenaxe, que se desenvolveu no pavillón municipal de deportes da localidade polas inclemencias metereológicas, congregou a máis de 150 persoas que quixeron honrar e agradecer o traballo e a dedicación de Miguel Fonte ao longo de 34 anos como médico da Lama.

Durante a entrega dos obsequios, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enxalzou o labor do médico rural, a súa dedicación e o sacrificio que durante anos de vocación estes profesionais da sanidade pública dedican aos seus pacientes. Vázquez Almuiña agradeceu a súa profesionalidade e dixo que co seu exemplo honraba á profesión médica.

Pola súa banda o alcalde, Jorge Canda, tamén se dirixiu aos presentes e dixo sentirse moi orgulloso de facer entrega dunha placa conmemorativa e dun pin do Concello da Lama a unha persoa que demostrou ao longo da súa traxectoria que estaba ao servizo dos seus veciños e veciñas e tamén destacou o seu papel como colaborador en cuestións sociais así como o seu interese polo servizo público que lle levou tamén a formar parte da Corporación Municipal da Lama durante unha lexislatura hai xa tempo.

Finalmente, Luís Miguel Fonte Martín, dixo sentirse moi atafegado polas mostras de afecto recibidas e nun discurso marcado pola emoción lembrou a súa chegada á Lama e os 34 anos de servizo aos seus veciños. Deu as grazas polas mostras de agarimo recibidas e dixo sentirse como un lamense máis.

Deja un comentario