+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O Concello mellora os accesos e a seguridade das Fervenzas do Seixo para favorecer a visita deste enclave


Instaláronse barandillas e valados e fixéronse desbroces selectivos para impulsar as condicións do roteiro Cabenca-Cavadosa

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén rematar unha importante actuación de mellora dos accesos e da seguridade en dous puntos do coñecido roteiro de sendeirismo entre Cabenca e Cavadosa, en concreto nas Fervenzas do río Seixo e no Pozo Sangüento. A intención do executivo local, que está a desenvolver moitas accións de impulso de zonas verdes, pasa por mellorar a experiencia dos camiñantes do Seixo e favorecer a visita a estes enclaves, caracterizados pola súa gran beleza natural e paisaxística. A primeira das actuacións, realizada no acceso ás Fervenzas do río Seixo, augas arriba de Cavadosa, consistíu en dar solución ao gran desnivel e difícil acceso desta contorna pola forte pendente existente. Así, procedeuse á instalación dunha barandilla metálica que serve de protección aos sendeiristas e visitantes e á construción dun pequeno muro de contención que reforza a seguridade. En segundo lugar, no Pozo Sangüento, situado augas abaixo do lugar de Cavadosa, acometeuse un desbroce selectivo de maleza para favorecer a creación dunha nova zona de miradoiro natural que permita gozar das impresionantes vistas en mellores condicións e a instalación dun valado de madeira tratada que se estende ao longo de 30 metros polo espazo lateral e doutros 120 metros na senda principal. Esta actuación, realizada en colaboración coa Xunta de Galicia, busca mellorar as condicións dun espazo de gran valor e beleza que está incluído no ZEC Serra do Cando, un Lugar de Interese Comunitario (LIC) enmarcado na Rede Natura 2000 que recibe cada ano a milleiros de visitantes.

Deja un comentario