+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

O Concello renuncia á bandeira azul, a pesar de ter conseguido o terceiro socorrista para a praia fluvial


O Goberno local toma a decisión nun exercicio de transparencia diante de ADEAC, co obxectivo de non comprometer o distintivo o ano próximo

O Concello de Ponte Caldelas arriou hoxe a bandeira azul da praia fluvial da Calzada para o que queda desta temporada de baño. A última hora da mañá comunicou á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), encargada de outorgar estes emblemas, que opta por esta fórmula nun exercicio de transparencia, ao ter esgotado todo o mes de xullo e boa parte de agosto sen ter conseguido a dotación regulamentaria de tres socorristas no areal.

As normas de ADEAC obrigan a dispoñer deses tres socorristas e a manter dous en servizo de maneira permanente. Sen embargo, as dificultades xurdidas este ano para completar o proceso de selección e contratación foron insuperables, diante de imprevistos como a renuncia dun dos seleccionados, ou a marcha dun dos que estaban en prácticas ao ser contratado para outro traballo.

O Concello de Ponte Caldelas, gobernado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, fixo unha oferta pública de emprego en xuño e lanzou seis ampliacións sucesivas. Non foi ata a última que se conseguiu ao terceiro profesional, para o que mesmo foi necesario contactar persoalmente con el  toda vez que o Servizo Público de Emprego carecía de inscritos nas listaxes do paro. Así as cousas está previsto que mañá mesmo se incorpore.

Ponte Caldelas completará deste xeito a dotación requirida na praia ata o remate deste mes de agosto co obxectivo de garantir a seguridade ao 100%, con independencia de que ondee ou non a bandeira azul. A pesar de non ser unha praia perigosa, como demostra a falta de accidentes, a seguridade e a calidade do servizo que se presta aos usuarios é unha prioridade.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que foi unha “decisión dolorosa, pero tamén responsable”. Defendeu a necesidade de actuar con rigor nas relacións con ADEAC, coas outras Administracións e, sobre todo, coa cidadanía. Engadiu que os problemas para a contratación de socorristas non son novos e afectan a moitos concellos. Este ano foron especialmente agudos e provocaron que Ponte Caldelas só poida dispor da dotación esixida apenas durante unha quincena, “polo que non era de recibo manter arriba a bandeira azul”.

O ano próximo, o Concello volverá solicitar a concesión da bandeira co aval da seriedade que dá ter intentado ata en sete ocasións cubrir as tres prazas e de ter comunicado puntualmente todas as dificultades xurdidas a ADEAC, sen ter sido causa, en ningún momento, de apertura de expediente. Máis aínda, o Concello foi obxecto dunha felicitación pola boa organización dunha actividade de prevención de afogamentos, celebrada en colaboración coa fundación Mapfre.

Entre as causas que explican o problema xurdido, Díaz apunta tamén á lentitude da Xunta de Galicia á hora de convocar as subvencións para a mellora da empregabilidade, que a práctica totalidade dos concellos utilizan para sufragar parte dos custos laborais dos socorristas. De feito, a convocatoria non saíu ata maio e a resolución desas subvencións segue sen publicarse. “Resulta complicado contratar socorristas sen ter a seguridade de que se dispón das partidas necesarias, porque, por moito que a convocatoria da Xunta autorice á contratación anticipada do persoal, non sabemos que nos van dar ata despois do verán”. O alcalde suxire que esas subvencións se convoquen a principios de ano e se resolvan no primeiro trimestre.

Ponte Caldelas comeza xa a traballar para cambiar de estratexia o ano próximo. Entre as medidas en estudo está a de asumir directamente estes custos laborais e destinar as posibles subvencións autonómicas á empregabilidade a outro tipo de traballadores. Ao mesmo tempo barállase que, por primeira vez, a oferta pública de emprego sexa por tres meses en lugar dos dous habituais. Asemade, estudarase tamén incrementar o salario para facer que a praia da Calzada sexa máis atractiva e “compita” con outros areais nos municipios máis turísticos de Galicia, que son os máis solicitados.

Finalmente, o alcalde destaca a circunstancia paradoxal de que este contratempo chegue  case ao mesmo tempo en que dous medios de ámbito nacional veñen de publicar reportaxes sobre a praia da Calzada. Son os casos de www.elespañol.com, que a sitúa no mellor río de España, e El País, que a inclúe entre as 10 mellores de toda España para ir con nenos.

Deja un comentario